Adxudicatarios de vivendas sociais de Monforte protestan por ter que alugar os pisos por dez anos
MONFORTE DE LEMOS
Un grupo de adxudicatarios das vivendas sociais construídas na rúa Benito Vicetto de Monforte expresaron o seu malestar polo feito de que a nova normativa legal os obrigue a alugar os pisos por un período de dez anos antes de poder optar á súa adquisición. «No seu momento solicitamos os pisos en compra, que foi o que se fixo sempre, e o delegado de Vivenda dixo en decembro pasado que non teríamos problemas, pero agora resulta que non é así e que teremos que estar dez anos en alugamento antes de poder compralos», afirman. «Agora din que aquilo foi un erro do delegado e que a nova lei non nos permite realizar a compra», agregan. Os adxudicatarios quéixanse así mesmo da falta de colaboración que, segundo afirman, encontraron no alcalde de Monforte, Severino Rodríguez, con que falaron sobre este asunto a pasada semana. «O alcalde díxonos que non pode facer nada, que temos que dirixirnos á Consellería de Vivenda, pero ese mesmo día chamamos á delegación de Vivenda e dixéronnos que o delegado está agora moi ocupado e non nos pode atender», aseguran. «Se o Concello non ten nada que ver neste asunto, como di o alcalde, non sabemos que é o que pintaba un representante do goberno municipal no acto oficial de entrega das chaves», engaden. Sen descontos Os afectados protestan así mesmo porque, segundo lles comunicaron desde Vivenda, aínda no caso de que acepten ocupar os pisos durante un decenio en réxime de alugamento, non se lles fará ningún desconto se despois pretenden adquirilos en propiedade. «É dicir, que despois de vivir dez anos neses pisos como inquilinos, estaremos na mesma situación en que nos encontraríamos se intentamos comprar calquera outro piso», comentan. O grupo de Benito Vicetto está formando por 45 vivendas, das que en principio catorce foran solicitadas para compra e o resto para alugamento. «O que pedimos é que se manteñan as condicións que había ao principio. Hai xente que xa renunciou a comprar, porque non queren ter que estar alugando os pisos por dez anos cando xa neste momento cumprían os requisitos necesarios para a compra», afirman. «Non contábamos con que se dese esta situación e agora xa non sabemos que facer», conclúen.