«O susto non se me dá quitado»

MONFORTE DE LEMOS

Dolores García promete celebrar con ganas que a súa familia gañou 600.000 euros na lotería cando volva á casa que tivo que desaloxar logo do accidente do día 3

08 ene 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

Dolores García á a monfortina máis famosa do cambio de ano. Non pasa todos os días que a un lle toque a lotería 48 horas despois de que un camión se empotre contra a súa casa. Din os que o celebraron con ela que aínda non o acaba de dixerir, que lle custa sacarse de enriba a impresión que lle causou ter que deixar a súa casa mentres non lla reparan. A sorte chegoulle de regalo desde o bar que rexenta en Castellón o seu fillo Manuel, de 36 anos, que repartiu entre a clientela 103 décimos do número 87.657, o primeiro premio do sorteo do Neno. Manuel quedouse con outro décimo, un máis regaloullo á súa irmá pequena, que ten 29 anos e tamén se chama Dolores, e un terceiro fíxollo chegar á súa nai. Entre os tres suman 600.000 euros, 200.000 por cada décimo. Xubilada hai un ano do seu traballo no asilo de anciáns San José, Dolores di que se alegrou sobre todo polos seus fillos e promete que a festa de verdade chegará cando poida volver á súa casa.

-¿Como soubo que lle tocara?

-A miña filla marchara o sábado pola mañá para a súa casa de Castellón, despois de pasar aquí o Nadal co seu home e coas nenas. Nada máis saír o premio, o meu fillo chamouna por teléfono e ela chamoume a min.

-¿E como recibiu a noticia?

-Asusteime, porque pensei que me chamaba porque tivera un accidente, pero díxome 'mamá, pon a televisión que me acaba de dicir o Manolo que nos tocou a lotería'.

-¿Xa ten claro canto gañou?

-Non teño moita idea, de momento.

-¿Aínda non?

-Deben ser trinta e tantos millóns de pesetas.

-Iso dá para gastar nunhas cantas cousas.

-Non sei, de momento que o aproveiten os meus fillos, que o precisaban moitísimo.

-¿E para vostede?

-Eu o que quero é que amañen a casa, que por culpa diso non estou disfrutando como debería, pero iso teno que facer o seguro do camión. O susto non se me dá quitado. A alegría que teño é porque lles tocou aos meus fillos.

-¿Leva moito tempo en Castellón o seu fillo Manuel?

-Leva xa máis de dez anos. Antes de marchar estivera traballando moito tempo aquí en Monforte na cafetería da estación de autobuses. Marchou alí para traballar nunha fábrica, pero nas horas perdidas botáballe unha man a un amigo nun bar, que el fai amigos con moita facilidade. E logo, en canto puido, abriu el o seu propio bar. Iso é o del, encántalle. E agora tivo esta sorte e estao disfrutando ao máximo.

-¿Mándalle lotería con frecuencia a vostede?

-Xa mandou tamén un décimo da lotería de Nadal, pero el daquela non se quedara con nada para el e desta vez quedouse cun décimo.

-Cun décimo para el, outro para a súa irmá e un terceiro para vostede.

-Á miña filla tamén lle vén moi ben, que xusto a final do ano se lle acababa o paro. Ten dúas crías de dous e cinco anos e está pagando piso e coche. E hoxe unha casa cunha paga soa difícilmente sae adiante.

-¿E xa sabe canto tardará en volver estar habitable a súa casa?

-Aínda estou agardando que veñan os do seguro. Parece que esta mañá [por onte] chamaron da aseguradora á miña filla e pedíronlle o meu número de teléfono, pero comigo aínda non falaron.

-Nun primeiro momento falouse de que vostede e a súa parella irían a un hotel, pero están un piso de aluguer.

-Si, porque nós de hotel non somos. Preferimos un piso, que entramos e saímos cando queiramos. Pero prefiro a miña casa, que alí foi onde criei aos meus fillos. Nesa casa levamos 22 anos. Antes viviamos en Curros Enríquez, pero aos dous anos de quedar viúva cos nenos pequenos entrárannos a roubar e collimos tanto medo que nos mudamos. Eu de momento, sigo pensando na casa. Quéroa ver amañada, e logo xa o poderei celebrar.