O goberno municipal de Monforte espera que os achados arqueolóxicos realizados durante as dúas últimas semanas no monte de San Vicente do Pino non obriguen a cancelar o proxecto de construción dun auditorio ao aire libre que forma parte do xa iniciado plano de reforma do parque Zapardiel. O alcalde, Severino Rodríguez, sinala a este respecto que «os restos arqueolóxicos importantes están aparecendo nunha zona apartada da área onde está previsto facer o auditorio, na que de momento non se encontrou nada especialmente relevante, polo que nós sabemos». Por outro lado, o rexedor puntualiza que «se aparecese nesa zona algo suficientemente importante, o proxecto non se executaría, porque en tal caso os achados arqueolóxicos e o seu posible aproveitamento cultural, social e turístico terían evidentemente máis relevancia para Monforte que un auditorio deste tipo».
Por outra parte, o alcalde desbotou a posibilidade de que haxa que introducir modificacións no actual proxecto de construción de auditorio a causa dos tubos que están aparecendo nalgúns puntos do subsolo do parque. «As conducións de agua e as demais instalacións que están enterradas nesa zona están perfectamente controladas e non van obrigar a alterar en nada as actuacións que tíñamos previstas», afirmou Rodríguez.
Novas escavacións
Os responsables municipais, por outro lado, verían con bos ollos que a Dirección Xeral de Patrimonio decidise iniciar unha escavación de maior envergadura que as sondaxes que se están a facer actualmente na ladeira norte de San Vicente. «Xa veremos o que di Patrimonio no seu momento, pero a min paréceme que habería que seguir escavando, porque os achados que se fixeron ata agora indican que aquí pode haber cousas de bastante interese», comentou o alcalde.
Rodríguez confía en que as obras de acondicionamento do parque poidan seguir adiante aínda no caso de que se decida dar continuidade á investigación arqueolóxica da zona. «A área na que se están rexistrando os achados queda fóra da zona na que están previstas as intervencións máis fortes das obras do parque, por dicilo así, de maneira que supoño que non teríamos demasiados problemas para compatibilizar este proxecto coas posibles futuras escavacións», agrega.
A decisión sobre as medidas que haberá que tomar con respecto ao xacemento castrexo de San Vicente adoptarase despois de que os expertos da Consellería de Cultura avalíen os resultados das actuais sondaxes, o que teñen previsto facer a semana próxima. O arqueólogo da delegación provincial da consellería, Gonzalo Meijide, anunciou que visitará o xacemento o luns ou o martes próximo, unha vez rematadas as catas arqueolóxicas. Mentres tanto, segundo indica o alcalde, «as obras do parque seguirán levándose a cabo con todo o coidado e seguindo en todo momento as directrices que nos están dando Patrimonio e os arqueólogos. O máis importante é que todos sigamos traballando con seguridade», apunta o mandatario.