Un recanto onde poder atoparse cos antepasados

MONFORTE DE LEMOS

A ferretería Cachaldora é do século XIX e conta con antigüidades de todo tipo

16 sep 2007 . Actualizado a las 02:00 h.

Nos tempos que corren, tan acelerados e ateigados de tecnoloxías, de cando en vez presta tomar un respiro e despexar os ollos e o espírito con murmurios do pasado. Un deses lugares privilexiados é a ferretería Cachaldora, na rúa Doctor Casares de Monforte. Este comercio abriu arredor de 1870 e constitúe unha das ferreterías máis antigas de Galicia, segundo explica o seu encargado Jesús Veloso Cachaldora, a cuarta xeración deste negocio familiar.

Entrar neste lugar é como retroceder dez, cincuenta, cen ou catrocentos anos no tempo, dependendo de cara onde mire un. A casa á que está unida a ferretería é do século XVII. Cando fundaron o comercio estaban instalados noutro local e tiñan unha sucursal en Ferreira. En 1930, segundo conta Cachaldora, trasladáronse ao recinto actual. Foi daquela cando cravaron ao mostrador un cartel publicitario de «Fouzaña Bellota», escrito en galego. «O cartel permaneceu aquí durante a república, a guerra e a ditadura, a pesar de estar prohibido, pero chegou ata hoxe sen que tivesemos ningún problema», asegura Cachaldora.

Na ferretería manexa entre corenta e cincuenta mil referencias de produtos que cómpre coñecer. Para lembrar onde se atopa cada cousa, por estraña que sexa, hai que ter boa memoria, pero non abonda. O encargado afirma que leva vinte e cinco anos traballando e que cada día aprende algo novo.

Polas súas instalacións seguen discorrendo os clientes de toda a vida, aínda que se nota o despoboamento do rural, segundo explica o encargado. Tamén conta que algúns destes habituais, aínda non se acostumaron ás caixas de puntas e seguen pedindo «quince puntas ou cen gramos de puntas, e non hai maneira, hai que abrirlles a caixa e facelo coma antes».

Sen embargo, a perda deste tipo de clientes foise compensando polos interesados nas antigüidades ou obxectos restaurados. Vén xente de toda Galicia, xa que están especializados en ferraxería e rehabilitación e son «unha referencia en antigüidades de ferretería; piden sobre todo puntas de carros, aparellos de pesca antigos ou ferraxe de plastón». De feito, este lugar era un almacén ateigado destes obxectos, pero «co bum da restauración estánsenos acabando os artigos que tiñamos de vello».

Pero aínda conservan ben deles, aínda que moitos xa non están á venda. Entre as curiosidades máis sorprendentes hai un catálogo de 1924 intacto, dun almacenista de Barcelona, con todas as ilustracións dos aparellos da época. «Pouco avanzamos dende entón», comenta Cachaldora. Tamén conserva un cadeado do cárcere de A Pinguela. Un paraíso cheo de xoias para os amantes das antigüidades.

Empresa de multiservicios

A ferretería Cachaldora segue a ser un negocio tradicional de cara ao público, tanto polos produtos que vende e coma polo trato coa clientela. Sen embargo, o encargado asegura que entre o 60 e o 70% dos seus clientes son profesionais.

Hai uns anos esta familia montou a empresa de multiservizos Cachaldora, S.L. para subministrar todo tipo de material de construción, de pintura ou de carpintería.

Paralelamente ao negocio tradicional, decidiron ser emprendedores e traballar tamén a grande escala. Jesús Cachaldora explica que subministran, por exemplo, a Transfesa, ao Parador, ao colexio Ferroviario ou ao restaurante O Grelo, entre outros.