Reportaxe | Resultados dunha investigación en San Vicente A rúa Falagueira parece ter experimentado un proceso de urbanización a finais do século XIV, segundo as catas arqueolóxicas realizadas na zona o ano pasado
17 mar 2006 . Actualizado a las 06:00 h.? rúa Falagueira, que foi durante centos de anos a principal vía urbana monfortina, experimentou unha importante redefinición entre mediados e finais do século XIV que quizá coincide cun momento de urbanización do vello Monforte. Ao menos iso é o que se desprende das catas arqueolóxicas realizadas na zona en setembro do pasado ano, cuxos resultados foron expostos onte polo arqueólogo Iván Álvarez -responsable dos traballos- nunha conferencia organizada pola asociación Amigos do Patrimonio de Lemos. Os datos conseguidos nesta exploración permiten supoñer que na mencionada época se levou a cabo na Falagueira unha obra de horizontalización e ampliación que elevou considerablemente o nivel do terreo, en torno a setenta centímetros na zona que foi investigada. A datación destes antigos traballos puido realizarse grazas ao achado dunha moeda acuñada no reinado de Afonso XI, que corresponde a esa época. «Polos indicios que temos, nese momento repensouse o sistema urbano de Monforte, é dicir, acondicionouse conscientemente unha rúa de acordo cunha concepción urbanística, coa idea de unir dúas entradas principais da fortaleza, a Porta da Alcazaba e a Porta Nova», explica Iván Álvarez. «Antes dese tempo, a Falagueira era outra cousa diferente e todo o que había antes quedou tapado por esas obras. A partir de aí xa se pode considerar como unha rúa propiamente dita, non como un simple camiño que evoluciona ao azar», engade Álvarez. O arqueólogo puntualiza que esta é a conclusión a que se pode chegar a partir das escavacións realizadas en setembro, pero que non se trata de algo definitivo que se poida afirmar con total certeza. «Hai que ter en conta que o que fixemos non foron máis que seis pequenas catas, algo que non é suficiente, nin moito menos, para ter unha visión de conxunto sobre a evolución urbana da zona», comenta. Acondicionamento Outra das conclusións principais destes traballos é que cando se leven a cabo as obras de acondicionamento da Falagueira que proxecta o Concello non será preciso facer moitas escavacións para instalar tuberías e cableado. «Nos anos corenta fíxose unha gabia para meter tuberías por esa zona e agora encontramos que esa gabia vai dun extremo a outro da rúa, polo que se pode aproveitar perfectamente para os traballos de urbanización que quere facer o Concello», explica Iván Álvarez. «Non haberá que romper máis o terreo cando se fagan as obras, porque xa se rompeu o necesario», agrega.