Biblioteca esquecida

MONFORTE DE LEMOS

A TRIBUNA | O |

04 nov 2003 . Actualizado a las 06:00 h.

OITO ANOS levaba totalmente esquecido o legado que ofreceu a Monforte o escritor e historiador Germán Vázquez. En todo este tempo, que xa é tempo, todos os asuntos debatidos na corporación municipal, ao parecer, eran máis urxentes e máis importantes que o de buscarlle unha ubicación digna á biblioteca persoal que o autor da Historia de Monforte quixo cederlle á súa cidade natal. Que en todos estes anos non se lle prestase máis atención a esta herdanza non di moito en favor da atención que se lle presta no ámbito municipal á cultura, á historia e a todas esas cousas. Tal esquecemento, por outro lado, pode ser bastante lamentable, pero non se pode dicir que resulte sorprendente. Aquí, polo menos, non o é en absoluto. Non hai máis que lembrar o caso do legado de Xan de Forcados, outra problemática doazón de carácter histórico-cultural que o Concello de Monforte aínda non resolveu a pesar de que a cuestión ten enriba moitos máis anos dos que conta o penoso caso da biblioteca de Germán Vázquez No que respecta a este último esquecemento, parece que xa hai vontade de subsanalo. Cabe esperar que non sexa demasiado tarde.