O estado da sanidade pública

CARLOS VÁZQUEZ

MONFORTE DE LEMOS

PERMÍTANME, amigos lectores, unha serie de preguntas maliciosas: ¿Sabían que moitos dos médicos e enfermeiros que nos atenden son eventuais ou contratados por horas? ¿Que tipo de sanidade pública quere para nós a Consellería do ramo? ¿Por qué faltan médicos especialistas? E sobre todo, ¿a qué demo ven iso de favorecer tanto, cos cartos de todos, ós hospitais privados, accesibles só para os que máis poden? Sen embargo, ¿por qué se está descoidando dun xeito tan ben calculado ós centros públicos, ós que, eses si, podemos ir todos, ricos e pobres? ¿Sabían vostedes que hai centros que non contan cos aparatos axeitados que ademais non son de un alto custe e que por esa razón están obrigando ós enfermos a desprazarse quilómetros e quilómetros, por exemplo dende a Mariña ou Monforte ata a mesma capital lucense? ¿De verdade somos conscientes de que a peor frase para un enfermo é a de ten que esperar? E cando chegue ese momento, haberá persoal suficiente ou pasará como fai pouco, que un cirurxián tivo que suspender unha intervención por falta de enfermeiros? Ah, por certo, ¿sabían que onde se vai facer o novo hospital aínda medran as silveiras?