A TRIBUNA LUÍS DÍAZ
11 oct 2002 . Actualizado a las 07:00 h.TER OU non ter alcalde, velaí o dilema. Tantas horas diante da alcaldía, coa esperanza de ver tapado o bache de diante da casa ou de colocar ó sobriño no concello, e ó final non se sabe quen manda en Monforte. Seica imos para tres anos cun alcalde que delegara sin sabelo as súas funcións na comisión de goberno o día que tomou posesión. ¡Manda truco! Pódese entender o despiste de Nazario Pin. A fin de contas, tanto atura un congreso sobre a tradición sefardí e a cociña típica en Calahorra como un viño español entre os profesionais do canapé que frecuentan a Casa de Galicia en Madrid. Pero que os outros cinco concelleiros da comisión de goberno non reparasen en que eles eran tan alcaldes como o que máis é preocupante. ¿Estamos ante un fenómeno de amnesia colectiva? ¿Pásalles factura o estrés? Non estaría de máis que os dous médicos que temos na corporación se interesasen polo que está a suceder entre os seus compañeiros. Do contrario, chegará o día en que o nosa máxima autoridade non vai ter moi doado o acceso ós despachos de San Caetano. -Desculpe, conselleiro. O alcalde de Monforte ó teléfono, pide unha entrevista. -Que mande papeis e unha foto recente tamaño carné. Xa non me fío un pelo. E se os conselleiros desconfían, malo para os baches. E tamén para os sobriños.