Unha longa inmersión na vida cotiá dunha aldea da serra do Courel

Francisco Albo
francisco albo QUIROGA / LA VOZ

FOLGOSO DO COUREL

Sonia María García cos irmáns Juan, Soledad e Eladio Vázquez, que proporcionaron á autora boa parte das informacións que aparecen no seu novo libro.
Sonia María García cos irmáns Juan, Soledad e Eladio Vázquez, que proporcionaron á autora boa parte das informacións que aparecen no seu novo libro. CARLOS LÓPEZ MOURIZ

Os veciños do Carballal contan a súa propia historia nun libro da escritora Sonia María García

05 ago 2021 . Actualizado a las 10:23 h.

A escritora e profesora coruñesa Sonia María García García mantén desde hai anos unha estreita relación coa serra do Courel, á que xa dedicou un ensaio e unha novela. A editorial Canela acaba de publicar unha nova obra súa, Un ano no Carballal, froito dunha prolongada inmersión da autora na vida cotiá dos veciños dunha aldea da parroquia de San Vicente de Vilamor, no municipio de Folgoso do Courel. A autora precisa que o título do libro non quere dicir que pasase un ano vivindo nesta localidade. «En realidade estiven moito máis dun ano, en varias estadías, e o título significa que no libro quero mostrar como é a vida dos veciños desta aldea ao longo dun ano», explica.

A intención da escritora, por outro lado, consiste non só en ofrecer unha visión actual das poboacións da serra, senón tamén en presentar un contraste coa situación que se daba tempos atrás, cando as condicións de vida eran moi diferentes. Para iso servíronlle de moita axuda as memorias persoais dos irmáns Juan, Soledad e Eladio Vázquez, unha familia que vive desde hai moitos anos na chamada casa Lemeso. «Estas persoas naceron na década de 1930 e polo tanto recordan moi ben os tempos nos que no Courel case non había estradas e había que andar a cabalo para ir dun sitio a outro», sinala. «Cando eran nenos coñeceron directamente a vida tradicional da aldea e tamén saben como se vivía antes de que eles nacesen polo que oíron contar aos seus pais e avós, e viviron todos os cambios que se produciron desde entón», engade.

Sonia María García pasou varias temporadas convivindo cos irmáns Vázquez na súa casa, compartindo a súa vida diaria, conversando con eles e recollendo as súas experiencias persoais. Pero os seus testemuños non son os únicos que aparecen no libro. «Tamén recollín informacións da maioría dos veciños da aldea e de xente de Vilamor e Visuña», precisa a este respecto. Para a elaboración da obra, a escritora -que é licenciada en xeografía e historia- tamén realizou investigacións de carácter académico.

Actividades tradicionais

Baseándose en todas estas fontes, García describe no seu libro as actividades tradicionais dos habitantes do Carballal ao longo dun ano enteiro. «Un aspecto que tiña moita importancia era o cultivo do centeo, algo desaparecido na actualidade», apunta a escritora. Os seus informantes recordan como se preparaban no monte os terreos para plantar este cereal. «Rozaban as terras e facían unhas fogueiras con raíces de uz e outros materiais, e utilizaban as cinzas como fertilizante», di a autora. Outras fontes básicas de alimentación eran as patacas, as castañas e os porcos. «Polo Carballal non pasa ningún río e por iso a xente non pescaba, aínda que noutras partes do Courel as troitas tamén eran parte da dieta habitual», comenta. Pero si tiña unha forte presenza a apicultura, unha actividade moi característica das poboacións da serra.

Na vida tradicional dos veciños do Carballal tamén ocupaba un importante papel a gandería. «En cada casa podían ter dúas, tres ou catro vacas e bois, e ademais había rabaños numerosos de cabras e ovellas que proporcionaban leite e la», di García. Os cabalos eran así mesmo un animal doméstico imprescindible como medio de transporte.

Nas páxinas de Un ano no Carballal, García e os seus informantes falan tamén doutras actividades tradicionais do Courel que hoxe están abandonadas, como o cultivo do liño e o traballo do ferro. Na aldea, di a este respecto, chegou a haber trece ou catorce fraguas ao mesmo tempo.

«A obra non reflicte un mundo ideal e bucólico, senón unha vida dura»

A primeira obra de Sonia María García é O libro do Courel -publicada no 2016-, un ensaio divulgativo que aborda múltiples aspectos deste territorio, desde o medio xeográfico ata a tradición literaria. Ao ano seguinte apareceu Toca. El oro de la Gallaecia, unha novela histórica en castelán ambientada na serra do Courel na época romana.

O novo libro, indica a escritora, ten a súa orixe en certas conversas que mantivo con Juan Vázquez. «Eu xa os trataba de antes e Juan, que é gaiteiro e coñece moi ben todos os recunchos do Courel, sempre me dicía que non lle gustaría morrer sen escribir a historia da vida do Carballal», agrega. A escritora pensou que de aí podía saír un proxecto interesante e quixo saber se Juan Vázquez se animaría a escribir un libro de memorias. «El respondeume: ‘Non, burriña, que eu son moi malo escribindo, é mellor que o escribas ti', e así foi como xurdiu esta obra», explica.

Do pasado ao presente

García sinala ademais que o seu libro «non reflicte un mundo ideal, bucólico e pastoril, porque as persoas que o protagonizan viviron tempos moi duros e pasárono mal». Na súa obra quere deixar claro que a vida tradicional das aldeas da serra «era unha vida de moitísimo traballo e desprovista dos servizos básicos, aínda que as persoas que a viviron din que foron felices pese a todas as dificultades». Aos seus informantes -engade- «a vida que levan hoxe parécelles un luxo en comparación coa que coñeceron, aínda que no Courel segue habendo moitas carencias». A sociedade reflectida no libro, di ademais, «era unha sociedade máis solidaria na que todos os veciños se axudaban, mentres que hoxe predomina unha mentalidade máis individualista».

 Presentación en Monforte

A primeira presentación pública de Un ano no Carballal levouse a cabo o pasado luns na Feira do Libro da Coruña. A obra será presentada tamén na próxima edición da Feira do Libro de Monforte. Será nun acto que se celebrará o día 26 a partir das oito da tarde. A autora pretende presentar así mesmo a súa obra en Folgoso do Courel