«Toén pode ser un referente para unha maneira de tratar distinta»

CHANTADA

Afirma que a loucura é a patoloxía que nos fai máis humanos e aférrase á palabra como peaxe para acadar o equilibrio psíquico

24 ago 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

Leva tres anos buscando o equilibrio entre a loucura de Toén. Chus Gómez (Chantada, 1964) é a responsable clínica dun «manicomio» que fai anos perdeu o seu nome por lei pero que arrastra os defectos -e tamén as bondades- duns centros mitificados pola literatura e o cine e case sempre esquecidos na memoria dos que se cren do outro lado da barreira. Estudou medicina e psiquiatría porque cría na psicanálise. É a súa aposta profesional e o seu xeito de entender o mundo.

-Chegou a Toén en maio do 2005 despois de traballar noutros centros de saúde mental, ¿Toén é outro mundo?

-Toén era un sitio moi complexo pero moi atraínte porque era un lugar con moitas posibilidades, sobre todo porque os pacientes psicóticos é o que máis me gusta. Complexo porque un hospital psiquiátrico é moi complexo, os discursos son moi ríxidos, como en calquera outra institución. Por isto, estou intentando traballar doutra maneira, flexibilizar a dinámica institucional, facela máis participativa, que os pacientes non sexan meros receptores.

-Fai anos desapareceron os manicomios.

-Co nome pero... É certo que se dulcificaron pero... Cando unha persoa cunha psicose pasa moitos anos nunha institución aparece unha perda de vínculos; a institución dálle todo e el perde as habilidades para vivir fóra, aínda que levas gratas sorpresas, por exemplo cun home que levaba moitos anos sen saír de Toén e decidiu irse para unha residencia e ata se converteu no xardineiro. Nunca hai nada feito, non se pode tirar a toalla, pero a necesidade dun lugar de acoller o reduto intratable por outros dispositivos ten que seguir existindo, chamémoslle hospital psiquiátrico, fagámolo doutra maneira máis acorde aos tempos, pero hai pacientes que o mellor lugar onde están é aí.

-¿Que é a loucura?

-É o prezo que se paga por ser animais que falamos. Quero dicir, os humanos somos os únicos que nos volvemos tolos, dalgunha maneira porque falamos, porque estamos no mundo e temos relacións cos demais e iso é complexo, máis alá de que eu non poño en dubida que se produzan alteracións bioquímicas, evidentemente. Pero eu creo que é a patoloxía que nos fai máis humanos, nos confronta co máis humano que levamos dentro, dalgunha maneira é unha enfermidade biográfica máis que biolóxica. Non se pode desenganchar, non hai ningún suxeito humano que, compartindo un diagnóstico, se lle poida aplicar unha plantilla común. Cada persoa, co seu sufrimento, ca súa patoloxía, é única e insubstituíble e o tratamento tamén debe selo.

-¿Por que a loucura lle dá medo á sociedade?

-Porque concentra o desequilibrio; ás veces eran os que dicían as grandes verdades, os portadores de sabedoría, as contradicións ou a dificultade do equilibrio psíquico.

-¿Somos a sociedade da depresión?

-A patoloxía vístese co traxe da época: protocolos, guías clínicas, empobrecemento da clínica... Hoxe os diagnósticos son moi extensibles e calquera malestar do vivir se pode psiquiatrizar pero non todo é psiquiatrizable. Hai un custe, un sufrimento por vivir que non necesariamente é enfermidade pero que deriva de aplicarlle a plantilla médica ao sufrir psíquico. A depresión é un significante que enganchou moi ben no momento actual, é un caixón onde cabe todo: duelo, rotura amorosa, que non me vai ben... pero, como caixón de xastre, tamén perdeu na súa rigorosidade, é un término comodín onde cabe todo. Fíxose unha prescrición xeralizada de psicofármacos e os antidepresivos, aínda que leven ese nome, non corresponde o número de prescricións a que sexan suxeitos deprimidos. Os antidepresivos utilízanse tamén como ansiolíticos, entón, nunha sociedade onde se patoloxizou a vida e onde a resposta é a rapidez, o psicofármaco e non facerse cargo, dá como resultado isto.

-¿Como ve agora aquel complexo Toén de fai tres anos?

-Cheo de posibilidades de mellorar, cun entusiasmo que antes non había, con moitas posibilidades basicamente; Toén pode ser un referente para unha maneira de tratar distinta.

-¿Como se conseguiu?

-Conseguiuse con dar apertura á palabra, con intentar buscar unha explicación individualizada para cada caso, con introducir a docencia e a formación no hospital, con dignificar a situación dos traballadores e tamén dos pacientes, con conseguir melloras, con que todos vexamos que unha orientación clínica doutra maneira consegue efectos beneficiosos para todos: para os que traballamos aquí e para os pacientes.

-Xa está en marcha o plan de traslado de Toén a Piñor, ¿é acertado?

-Evidentemente, as instalacións de Toén non reúnen as condicións. Iso non quere dicir que non se poida dignificar o que se fai dentro pero tamén é certo que a arquitectura dos espazos condiciona o que ocorre dentro.