Os petróglifos do sur lucense serán estudados con vistas a unha posible declaración como Ben de Interese Cultural
11 sep 2007 . Actualizado a las 02:00 h.A Dirección Xeral de Patrimonio iniciará en breve prazo os traballos de delimitación dos grandes conxuntos de petróglifos da provincia de Pontevedra con vista á súa declaración como Ben de Interese Cultural (BIC). Fontes deste departamento indican que, unha vez finalizado este proxecto, estudaranse os demais conxuntos de insculturas rupestres de Galicia para outorgar esta categoría aos que ofrezan un maior interese histórico e cultural.
Entre eses futuros BIC cabe a posibilidade de que se encontren algúns dos grupos de petróglifos do sur lucense, unha das zonas máis ricas en arte rupestre do interior de Galicia. Nun reconto efectuado hai dous anos, o arqueólogo Xabier Moure Salgado contabilizou un total de 68 lugares das comarcas de Lemos, Chantada e Sarria nos que consta a existencia de petróglifos, aínda que recoñecía que lle podían ter pasado desapercibidos outros moitos. Destes lugares, 48 están na comarca de Lemos, quince na de Sarria e cinco na de Chantada. A estas cifras habería que sumar polo menos outros cinco grupos de insculturas que foron localizados na pasada primavera en Pantón, aínda que no inventario patrimonial do municipio non figura ningún xacemento deste tipo. Máis recentemente, o pasado xuño, descubriuse neste mesmo municipio unha pedra con varios petróglifos gravados que ía ser empregada como material de construción en obras públicas. A peza foi arrancada dunha rocha nun momento que non se pode precisar e probablemente xa formara parte dun muro ou dalgunha outra construción. Os expertos consideran que tanto en Pantón como nos demais municipios do sur da provincia quedan aínda moitos outros petróglifos sen inventariar.
Sen sinalizar
O aproveitamento deste patrimonio como atractivo turístico e cultural, por outro parte, foi ata agora bastante limitado. Ningún destes lugares foi dotado dunha sinalización propia. Non obstante, os petróglifos son obxecto de certa promoción no municipio de Sober que, con dezaoito grupos inventariados, é o que conta na actualidade cunha representación máis abundante deste patrimonio prehistórico en toda a zona. Estes conxuntos son mencionados en diversas publicacións editadas polo concello e por colectivos culturais. Os conxuntos máis notables -como os de Proendos, Pinol e O Castriño- foron incluídos recentemente en itinerarios de marchas de sendeirismo. Menos atención recibiron por agora outros petróglifos localizados nos municipios de Sarria, Paradela, O Incio, Chantada, Taboada e O Saviñao. O interese por este patrimonio, previsiblemente, incrementarase en caso de que a Consellería de Cultura decida catalogar como BIC algún destes valiosos conxuntos.