A TRIBUNA ANXO MOURE
09 dic 2002 . Actualizado a las 06:00 h.POR UNHA vez teñen razón, por unha vez o alcalde, a concelleira e concelleiros do PP chantadino acertaron, a súa indignación é plausible e a súa denuncia moito máis. Non se pode consentir que uns vándalos ataquen o patrimonio dos veciños con alcatrán, non debemos permitir que uns indesexables estraguen o que tantos anos custou protexer. Quen asina é chantadino e o primeiro en sumarse á denuncia do chapapote no patrimonio chantadino e agarda que a esta reprobación e denuncia pública do alcalde e compañía sigan outras para mobilizar ó pobo con todas as armas contra eses vándalos que deixan sacos de lixo nos regatos, que tiran lavadoras nos montes, que prenden lume nos bosques, que descargan cisternas de xurro nos ríos, que envelenan os campos e a nosa saúde, que matan as especies protexidas ou talan as árbores mais singulares. Todo chegará gracias á nova política comprometida do noso goberno municipal, que con valentía e cun claro exemplo a seguir por todo o PP a nivel de Galiza (e tamén de Madrid) ven de tomar cartas no asunto do vandalismo, denunciando nos xulgados ós que tiraron do chapapote para estragar o patrimonio. Parabéns pola autodenuncia que ven de facerse a si mesmo o alcalde.