
Poxa en Carballedo polos produtos bendecidos por este santo de nome exótico
14 abr 2021 . Actualizado a las 16:09 h.A pandemia parouno todo ou case todo, pero a vida segue e algunhas cousas comezan a se recuperar. Está por ver que pasa este ano coas festas populares, pero algunhas das parroquias que as teñen nesta época do ano non se resignan e tratan de celebralas de novo, aínda que sexa con todas as precaucións. Esta fin de semana, por exemplo, na comarca de Chantada celebráronse dúas, a de San Wintila en Carballedo e a do Corpo Santo en Santa Cruz de Viana.
Na aldea de Carballedo, que dá nome a súa parroquia e tamén a este municipio lindeiro con Chantada, os veciños xuntáronse este domingo de novo para celebrar a festa de San Wintila. Despois do parón forzoso do ano pasado, había ganas na parroquia de volver a unha das festas máis tradicionais da zona. O único que faltou este ano foi a parte festiva, pero houbo misa e tamén o que vén sempre despois da misa.
A misa oficiouse cos fregueses diseminados entre o interior da igrexa e o adro, para gardar as distancias entre eles. Despois do oficio relixioso, chegou o momento da poxa. A tradición di que este San Wintila de nome exótico -probablemente orixinario dalgún territorio da actual Romanía- protexe os animais e as colleitas. Por iso, a tradición manda traer á festa lacóns, cachuchas touciños e demais produtos do porco para ofrecerllos ao santo e recadar fondos mediante unha poxa que se fai diante da igrexa. Sempre exactamente no mesmo punto, enriba dunha pedra xunto a unha camelia; hai anos que a fai sempre a mesma persoa, José Manuel Mosquera Bóveda, coñecido polos seus veciños por Cholas.