«As aventuras de Nabiza Girl» abre a programación de Nadal na Pobra do Brollón

La Voz

A POBRA DO BROLLÓN

Isabel Risco e Alberte Bello nunha representación do espectáculo «As aventuras de Nabiza Girl»
Isabel Risco e Alberte Bello nunha representación do espectáculo «As aventuras de Nabiza Girl» CARLOS BABIO

O Concello organiza unha serie de actividades desde este domingo ata o 5 de xaneiro

17 dic 2025 . Actualizado a las 19:16 h.

A representación do espectáculo «As aventuras de Nabiza Girl», a cargo dos actores Isabel Risco e Alberte Bello, abrirá este domingo a programación cultural e de ocio de Nadal do Concello da Pobra do Brollón. A función comezará ás 20.00 horas na Casa de Cultura. Previamente, ás 18.30 horas do sábado, Vero Rilo e Atenea García ofrecerán en Parada dos Montes o espectáculo de narración oral «Bailen as vellas», organizado pola asociación veciñal da localidade. Por outro lado, ás 13.00 horas do domingo presentarase en Trasmonte —na parroquia de Vilachá de Salvadur— o libro de poemas Agora, eu cariota, de Xosé Gago.

A programación municipal continuará o día 26 co espectáculo infantil «Concertasso na horta», que será ofrecido na Casa de Cultura a partir das 17.30 horas polo artista Brais das Hortas. O día 27, os integrantes do coro e os demais alumnos da escola municipal de música Samoeiro percorrerán as localidades de Saa, Piño e Canedo para interpretar cantos de Nadal nas igrexas parroquiais.

O domingo 28, ás 16.00 horas, abrirase na Casa de Cultura o Mercado Circular de Nadal, no que participará unha ducia de productores locais. Ese mesmo día, a continuación, ofrecerase no mesmo lugar un concerto de Peitoescuro. Na noite do 31 de decembro ao 1 de xaneiro, por outra parte, haberá na Casa de Cultura unha festa de fin de ano animada polo Dúo Eclipse.

As actividades continuarán o 2 de xaneiro coa presentación de 1140, un libro de ficción histórica sobre o Camiño de Santiago escrito por María José Tardaguila Sánchez. Será na Casa de Cultura ás 20.00 horas. A programación municipal de Nadal rematará o día 5 coa tradicional cabalgata de Reis, que comezará ás 17.00 horas.

Ademais destas actividades, a biblioteca municipal organizará durante o período festivo obradoiros de Nadal para nenos de 4 a 12 anos idade. Desenvolveranse durante os días 22, 23, 26, 29 e 30 de decembro e 2 de xaneiro, en horario de mañá.