O xabaril non dá tregua en Piño

Francisco Albo
francisco albo MONFORTE / LA VOZ

A POBRA DO BROLLÓN

Os xabarís removeron as terras nas fincas que o gandeiro Luis López aproveita para pasto
Os xabarís removeron as terras nas fincas que o gandeiro Luis López aproveita para pasto CEDIDA

Os animais salvaxes causan estragos en fincas gandeiras da Pobra do Brollón

22 feb 2021 . Actualizado a las 09:33 h.

O pasado xullo, os veciños da parroquia de Piño -no municipio da Pobra do Brollón- expresaban o seu malestar polos estragos que causan os xabarís nos terreos de uso gandeiro da localidade. Desde entón o problema non desapareceu, senón que parece acentuarse. Nos últimos días, os animais salvaxes provocaron de novo importantes danos nos terreos de Luis López, responsable dunha explotación con cerca de oitenta vacas, unha das maiores da zona.

As fincas do gandeiro -arredor dunha trintena- están repartidas en diferentes partes da parroquia. Os últimos ataques do xabaril deixaron as terras levantadas en moitas destas propiedades, que son utilizadas como pasteiros. «Están unhas peor que outras, pero están afectadas practicamente todas», explica. En vista da situación, hai tempo que López renunciou a sementar millo, xa que estas plantacións son especialmente atractivas para o xabaril. «Prefiro non botar millo porque xa me chega co que me fan nos lameiros», di.

López considera que as administracións públicas non proporcionan unha axuda eficaz para casos como o seu e o dos demais propietarios das fincas gandeiras de Piño. «Hai algún tempo ofreceron unhas axudas para comprar pastores eléctricos, pero esa é unha solución inviable para os que temos fincas espalladas en moitos lugares diferentes», apunta. «Iso sería útil se tivésemos todos os terreos concentrados nunha soa zona, pero a concentración parcelaria non se chegou a facer cando tiña que facerse», engade.

Ao xuízo do gandeiro, para frear os ataques do xabaril habería que tomar outro tipo de medidas. «Creo que se poderían facer moitas cousas, como rozar os terreos que agora están a monte e onde se refuxian o xabaril, porque aquí teñen moitos lugares de acceso difícil onde esconderse, aos que non poden chegar os cazadores», sinala.

Non obstante, López móstrase pesimista e non cre que o problema vaia ter solución a curto prazo. «Se ata agora non se fixo nada por axudarnos, nin cando había unha bonanza económica, non me parece que o vaian facer agora tal como está a situación», comenta. «Creo que en lugares como este a gandería acabará por desaparecer en pouco tempo, porque os prezos da carne e do leite están como hai corenta anos e ademais de que non obtemos case ningún beneficio, estamos cansos de soportar as desfeitas dos xabarís», conclúe.