Máis de cincuenta días despois da catástrofe de Ceuta, seguimos sen saber como mirala. Para uns foi unha crise política ou de seguridade. Para outros, unha catástrofe humana. Eu non son quen para decretar que se debía facer ou quen debe asumir as consecuencias. Ten graza dicilo nunha columna de opinión, pero estamos afeitos a ser «opinólogos» de todo comprendendo pouco de case nada. O evidente é que se fixeron moitas cousas mal: daquela, despois e agora.
Máis alá de Ceuta, a emigración é unha realidade do noso tempo como receptores e da nosa historia como emigrantes. Os galegos sabémolo ben. Os nosos marcharon onde facían falta e porque o precisaban; agora outros chegan porque tamén nos fan falta e porque o precisan. E digo «os nosos» e «os outros» só porque así entende moita xente esa división, non porque exista unha fronteira máis fonda ca a administrativa. Ao final, pertencemos a humanidade.
Unha simbiose doada de comprobar. Sen traballadores estranxeiros, estes días as vendimas da Ribeira Sacra quedarían sen facer. A nosa viticultura heroica fala cada vez con máis acentos, pero segue sostendo paisaxe, economía e patrimonio. Precisamente agora que tanto se fala de Patrimonio da Humanidade, o primeiro é preservar a humanidade de quen o mantén vivo.
Nas casas ocorre algo parecido. Moitos coidados dos nosos maiores recaen en persoas de fóra. Un traballo pouco épico, complexo cando hai demencias ou problemas de mobilidade, pero imprescindible para unha vellez digna. A feminización e masculinización segundo sectores, deixámola para outro día. Isto fala dunha sociedade demasiado envellecida para sosterse soa. E dunha contradición incómoda: a «prioridade nacional» seduce máis nos discursos ca á hora de cubrir os traballos máis duros.
Nada disto resolve Ceuta nin o desafío migratorio de España ou Europa. Haberá que falar de fronteiras, acollida, integración, legalidade e seguridade sen explicacións simples para problemas complexos. Pero, ante todo, de humanidade. Non sei cal é o equilibrio exacto. O que parece difícil discutir é que hai que atopalo: por unha cuestión moral, porque hai vidas ao outro lado; e, se iso non chega, por unha razón máis prosaica: a nosa economía, os coidados e a forma de vida que queremos conservar tamén dependen deles.