Juan Rodríguez, adestrador do Racing Vilalbés: «O mes de marzo será chave para saber o obxectivo polo que competiremos»
LEMOS
O técnico di que só a regularidade levará ao equipo chairego á promoción
27 feb 2026 . Actualizado a las 16:55 h.Juan Rodríguez triunfa no Racing Vilalbés. O adestrador chantadino de 36 anos asumiu esta tempada o maior reto da súa carreira: dirixir ao conxunto da Terra Chá nun momento de contención económica. Do club fóronse futbolistas importantes, e o técnico foi quén de reinventar un plantel, que está competindo na zona nobre do grupo primeiro da Terceira Federación. O equipo ocupa a terceira praza da clasificación con 38 puntos.
—Xa se ven na fase de ascenso?
—Para a clasificación queda moito. Serán chaves os sete partidos que xogaremos neste mes de marzo. O rematar esta xeira de encontros saberemos realmente o obxectivo polo que competiremos
—Este Racing Vilalbés leva practicamente toda a tempada nesta zona de privilexio da Terceira. Onde estará a chave para a clasificación para a promoción?
—As segundas voltas sempre son diferentes, porque moitos equipos apretan. A clave para que esteamos na fase de ascenso será a regularidade. Temos que afrontar cada partido como se fose o último. E non podemos mirar máis alá de cada xornada, porque nos despistaría.
—Faltan doce partidos para que remate a liga. Pensar en acabar primeiros é unha utopía?
—A primeira praza para nós é unha utopía. Compostela e Arousa están por enriba e serán os que se xogarán o ascenso directo.
—Vostede foi valente, porque asumiu o reto nun momento complicado para o club.
—Estou moi ledo, porque teño autonomía para traballar e o ambiente que se respira no día a día é fantástico. Somos ambiciosos, pero sen exceso de expectativas. Logramos conformar unha boa plantilla, na que a canteira ten moito protagonismo. Hai un dato que respalda a miña afirmación, que é que os canteiráns que competiron ata este intre tiveron 1.000 minutos.
—Que define a este Racing Vilalbés no ámbito puramente táctico e de xogo?
—Somos un equipo moi fiable defensivamente e somos conscientes de que temos que ir ao límite.
—Que tal lle vén ao equipo esta fin de semana de descanso?
—É moi oportuna, porque permitirá aos lesionados continuar coa súa recuperación.
—Como está a enfermería?
—Agora mesmo temos entre seis e sete futbolistas tocados. Falamos de futbolistas como Vérez, Santo, Trigo e Anthony, entre outros. Necesitamos que poidan recuperarse pronto, porque non hai que esquecer que somos unha plantilla curta, e iso pasa factura co nivel de esixencia que hai nesta Terceira Federación.
«Esta tempada estou gozando e síntome realizado como adestrador»
O técnico chantadino do Racing Vilalbés admite que está gozando como técnico. Sobre a posibilidade de botar raíces na capital chairega, prefire non pensar máis alá da presente tempada.
—Está contento con esta experiencia na Terceira Federación con tan só 36 anos?
—Estou moi satisfeito co día a día, e, ollo, non é porque estea adestrando nunha Terceira Federación, senón pola predisposición deste magnífico grupo de xogadores ao traballo. Estou gozando ao máximo e síntome realizado como adestrador.
—Un pode imaxinar como foi o seu primeiro contacto con futbolistas que xa teñen o seu percorrido na Segunda e na Terceira Federación.
—[Sorrí] Ao final estamos falando de persoas. Ademais, eu xa coñecía a oito ou nove futbolistas cando o equipo estivo na Segunda Federación. O meu obxectivo é que os xogadores estean cómodos e poñan todo o seu talento a disposición do grupo.
—Vese como o Ferguson do Racing Vilalbés?
—O fútbol actual é moi diferente. Estou cómodo no Racing Vilalbés, pero é moi cedo para falar de renovación e de futuro. Agora estou centrado nesta campaña e, sobre todo no mes de marzo, e nin vou nin quero distraerme deste obxectivo.