O mandatario do club monfortino está satisfeito coa marcha do equipo
30 dic 2025 . Actualizado a las 16:43 h.Cúmprese un ano dende que Antonio López se converteu na cabeza visible do Club Lemos. Primeiro asumiu a presidencia da xunta xestora tras a marcha de Óscar López, e despois, no mes de febreiro, xa se converteu en máximo mandatario da entidade. O dirixente fai balance desta primeira volta do equipo, que define de «moi satisfactoria». É ambicioso e asegura que o futuro a viabilidade do Lemos pasa pola Terceira Federación.
—Que lectura fai da primeira volta do Lemos?
—A valoración é máis que positiva. Os futbolistas e os adestradores están traballando ben, o equipo gaña e divirte á afección, e no eido institucional tamén estamos nun bo momento.
—Contaba estar a estas alturas na segunda praza a tan só tres puntos do líder?
—Se me din no verán que chegaríamos a esta situación agora eu asinaríao. Hai que ter en conta que tan só perdemos un partido.
—Hai algúns que din que este equipo tería que estar líder destacado. Que opina?
—Este Lemos está cumprindo os obxectivos que nos marcamos no verán. Estamos nos parámetros que prevemos. Hai que darse conta que o resto dos equipos tamén xogan, e gañar nesta Preferente é difícil tanto fóra como na casa. Insisto, estamos onde queriamos estar.
—Pero recoñecerá que os empates penalizaron.
—Sobre todo nos primeiros partidos, nos que algúns empates terían que ser triunfos. Considero que agora mesmo o Lemos debería ter seis puntos máis na táboa clasificatoria, o que nos tería situado como líderes en solitario. Pero as lesións e os erros arbitrais e algúns que cometemos nós pasaron factura.
—Onde está a clave desta boa traxectoria do Lemos nesta primeira entrega do campionato?
—Na unión do vestiario. Estamos falando dun grupo moi san, no que priorizan o colectivo. Os futbolistas son unha auténtica familia e forman unha gran piña. Senten o escudo e están completamente comprometidos co proxecto e co Club Lemos.
—As lesións non lle permitiron ao adestrador, sobre todo nestas derradeiras oito xornadas repetir o once inicial. Haberá reforzos invernais tendo en conta que algunha das doenzas pode ir para largo?
—Agora mesmo non contemplamos a chegada de ningún reforzo, porque economicamente non resultaría sinxelo. Pero de cara a este mes de xaneiro xa recuperamos a tres futbolistas, polo que esa recuperación de efectivos xa nos devolve a normalidade.
—Non ascender á Terceira sería un fracaso?
—Non. Non ascender non sería un fracaso. Como xa dixemos no verán á hora de confeccionar este proxecto, que é un dos máis ambiciosos das derradeiras tempadas, o principal obxectivo do Lemos esta tempada é clasificarse para a promoción de ascenso. Despois, se chega algo máis, fantástico, pero a nosa meta é estar aí ao final para loitar por dar o salto de categoría.
—Pero polo esforzo económico feito sería unha decepción, non si?
—Nós queremos levar o Lemos á Terceira Federación, pero sen obsesionarnos. Queremos ascender este ano, si, pero se non o logramos, esta tempada servirá para sentar as bases da vindeira, na que haberá continuidade, que sempre é clave para conseguir os obxectivos.
—Dicía hai varias semanas Rodri, o tesoureiro do club, que o Lemos é máis viable na Terceira. Concorda con esta opinión?
—Concordo totalmente. Estar na Terceira Federación sería o ideal para o Lemos. E por aí pasa a viabilidade do club. Por iso, de cara á profesionalización do club, o primeiro que hai que facer é ascender. Despois, estar un par de anos aí e consolidar o equipo, e a partir de aí crear un proxecto aínda máis ambicioso.
—As súas verbas fan soñar?
—Pero todo isto hai que facelo pouco a pouco.
—Con esta plantilla, o Lemos mantería a categoría en Terceira?
—Totalmente. É máis, co equipo que temos hoxe competiriamos con garantías na Terceira Federación. Non teño ningunha dúbida.
«Neste Lemos B, os xogadores convocados polo primeiro equipo cumpren»
Se algo tivo claro Antonio López é que o Lemos B tiña que experimentar unha profunda reestruturación. Da man de Óscar Moure, o prantexamento deste equipo foi moi diferente ao que existía. E iso nótase xa non só nos resultados no grupo sur da Segunda Futgal, senón na garantía que supón para o primeiro equipo calquera xogador que entre na convocatoria ou salte a xogar.
—Este Lemos B xa é outro, non si?
—Así é. Este Lemos B pouco ten que ver co de anteriores tempadas. Renovamos totalmente o plantel. Temos un equipo moi competitivo, e ademais calquera futbolista que é reclamado por Edu para o primeiro cumpre á perfección. Pois esa é a idea dun conxunto como o Lemos B: formar futbolista e foguealos para que poidan competir con garantías arriba. Queremos sentar as bases para que no futuro a maioría dos futbolistas do primeiro equipo sexan de Monforte e da comarca, porque hai talento. O xogador faise xogando.
—Segue a relación de filialidade co Calasancio, verdade?
—Así é. Estamos moi agradecidos ao Calasancio, que nos está axudando moito. Ese é o camiño polo que temos que ir.
—Que tal se levan coas administracións públicas?
—Coas tres levámonos ben, Un club como o Lemos non se ten que inclinar máis por unha que por outra. Hai que ser institucionais.
—Cumpren no eido económico?
—Estamos moi contentos. A medida que se vaian aprobando os orzamentos xa iremos recibindo o que consignaron para nós.
—Provoca dores de cabeza ser presidente do Lemos?
—E tanto que si. Provoca dores de cabeza e come moito tempo. Non é nada doado, e iso que nós temos xente ben preparada como é o caso do noso director deportivo, Óscar Moure, que fai un gran traballo. Hai moita xente que pensa que ser presidente do Lemos é dicir catro cousas e listo, pero asumir esta responsabilidade é moito máis complexo. Pero estou ledo de axudar a que este club siga medrando e continúe facendo historia.
—Esta directiva ten continuidade?
—Por suposto que si, pero necesitamos máis directivos.
—Que mensaxe traslada aos afeccionados?
—Que sigan apoiando ao Lemos, porque este equipo merece unha boa resposta da xente de Monforte. E, insisto, necesitamos que veñan máis directivos.