Ciencia e vexetación autóctona no colexio Infanta Elena de Monforte

Francisco Albo
francisco albo MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

Carlos Cortés

Alumnos do centro mostran os resultados de probas científicas realizadas por eles dentro das actividades de educación ambiental do programa Voz Natura

30 nov 2025 . Actualizado a las 11:00 h.

O colexio de educación especial Infanta Elena de Monforte celebrou esta semana o Mes da Ciencia en Galego coa presentación de varios experimentos científicos realizados por diferentes grupos de alumnos, dentro das actividades de educación ambiental do programa Voz Natura. A xornada tivo por escenario a biblioteca do centro.

Neste acto presentáronse sucesivamente os resultados de catro experimentos desenvolvidos durante as últimas semanas. Un deles consistiu en elaborar neve artificial usando auga e bicarbonato sódico. Outro, en cambiar a coloración de varios caraveis utilizando colorante para probar a capilaridade dos líquidos. O terceiro experimento tiña por fin mostrar os efectos da contaminación dos océanos usando un recipiente con figuras de animais mariños, auga e aceite. O cuarto consistiu en fabricar un forno solar con materiais como papel de aluminio e cartón pluma, e o quinto, en simular un volcán en erupción empregando plastilina, bicarbonato, xabón, vinagre e colorante. Os propios autores dos experimentos encargáronse de explicar aos seus compañeiros os procesos que seguiron e os resultados das probas, mostrándolles tamén os materiais que utilizaron.

As actividades de educación ambiental do colexio Infanta Elena —segundo explica o seu coordinador, o profesor David Toural— comprenden tamén o cultivo dun viveiro de vexetación autóctona, un horto escolar e un invernadoiro, así como o coidado dun galiñeiro. «No viveiro cultivamos castiñeiros, bidueiros, loureiros, carballos, cerquiños, espiños, cerdeiras bravas, maceiras, salgueiros de vimbios e incluso aciñeiras, que non son moi comúns en Monforte», apunta.

O centro educativo ofrecerá estas plantas para unha iniciativa de reforestación nas terras queimadas polos incendios forestais do último verán no veciño municipio de Sober que promoven varias asociacións locais. As primeiras plantacións están previstas para o 20 de decembro.

No horto escolar cultívanse tomates, repolos, pementos, cabazas e incluso aguacates e maracuxás, Estes últimos teñen que pasar polo invernadoiro. «Deunos moito traballo preparar o terreo para o horto», explica un dos alumnos.

Voz Natura é un programa de La Voz de Galicia desenvolvido pola Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre e patrocinado pola Consellería de Medio Ambiente, a Deputación da Coruña, a Fundación Alcoa, El Corte Inglés, a Fundación Ramón Areces e Inditex. Todos os centros lucenses inscritos nesta edición participan na iniciativa Naturacción, patrocinada pola Fundación Alcoa co apoio de Alcoa San Ciprián e a colaboración da Consellería de Educación.