Ánxela Jorge retrata nun documental web a situación das mulleres no campo
05 ago 2021 . Actualizado a las 15:36 h.Ánxela Jorge Vidal é unha xornalista de 21 anos de Figueiroá (Sober) que recentemente finalizou a súa licenciatura en xornalismo. Para o seu traballo de fin de carreira, centrouse en retratar mediante un documental web titulado Heroicas a situación da muller rural galega, e tamén debuxou a situación socioeconómica da Ribeira Sacra a través da figura femenina activa dentro dos sectores vencellados ao territorio. En concreto centrase na viticultura, olería, panadería, gandaría, agricultura e turismo.
-Que destaca da situación da muller no rural?
-Hai unha imaxe socialmente construída e moi estática tanto do rural coma da muller rural, que conta con moitos prexuízos. O mundo rural non se ve como unha opción de futuro e as mulleres que traballan nel tamén teñen unha imaxe negativa, algo destacado polas propias protagonistas do documental. É visto coma un mundo retrógrado, como que elas son ignorantes, febles… e tamén apuntan ao descoñecemento dos sectores e da tradición. Tanto pola veciñanza como pola xente que é de máis alá, que moitas veces son os que se interesan máis. Tamén cabe mencionar certo cariz de protesta, posto que a miúdo tanto a muller rural como o rural en si, son os grandes olvidados. Non hai moitas iniciativas que dean cobertura á súa realidade e historia.
-Hai perspectivas de mellora?
-Si, eu creo que si. Hai uns anos a imaxe do rural era moito máis negativa. Segue a selo. Pero penso que está cambiando. Hai máis difusión, máis coñecemento... Con proxectos como este tamén me din conta de que é un contido de interese, porque chegou a unha audiencia, non moita, pero si a algunha.
-Como surxiu a idea do seu traballo de fin de grao?
-Na miña vida hai unha figura moi importante que é a miña avoa materna, que tamén é unha das protagonistas deste proxecto. Preguntábame se a súa historia, a súa realidade... era coñecida polos demais. A min pareceume sempre moi interesante.
Tamén ao desenvolver en Monforte a maior parte dos meus estudos, vía como que había mala imaxe do rural e por ser muller peor aínda. A maiores tamén estaba a imaxe social construída de que é un mundo de homes, avellentado, totalmente masculinizado e quería rachar con esa imaxe de muller rural que quedaba na casa, que coida dos nenos ou das persoas dependentes, e que se vise a súa actividade real.
-Que foi o que máis lle chamou a atención durante a elaboración do traballo?
-A idea da perspectiva vital que as protagonistas tiñan fixada na zona. Nesta liña, Pilar López e Sandra Rodríguez, falaron de que na súa xeración a maior parte dos seus compañeiros escollían carreiras universitarias e pensaban que para ter traballo non podían quedar pola nosa zona e por eso marchaban fóra, pese a isto elas decidiron quedar. Aínda que pertencían a xeracións nas que estaban a darse movementos migratorios, elas son exemplos específicos de persoas cunha perspectiva vital fixa na zona.
-Algunhas conclusións...
-Nunha época na que o mercado da información destaca pola súa velocidade, instantaneidade e competividade... está ben que existan e continuense facendo traballos xornalísticos que conten historias de forma profunda, que busquen xerar un impacto maior nas audiencias. Paréceme un contido que se pode facer e que se está a ver. Agora vemos como hai un xornalismo cunha maior cocción pero que aínda lle custa saír. Nesa liña está ben facer cousas así e ver que á xente lle interesa.
-Facer un traballo así non é tarefa doada, vostede a maiores decide levar o seu proxecto ás redes, Por que?
-Para darlle mais difusión, para chegar á xente da zona e tamén para a xente que non é daquí. A difusión por redes foi moi necesaria, porque se quedaba nun portal web non ía chegar á xente á que finalmente chegou.
-Como foi acollido o seu proxecto?
-Bastante ben. En redes sociais é verdade que a actividade podía ser moito máis mellorable, pero como tamén tiña que atender a facer as entrevistas e investigar tampouco lle podía dedicar moito máis tempo. Tendo en conta isto, foi ben. En Facebook hai unha comunidade de 60 persoas, en Instagram son 150... O que máis me sorprendeu foi na web, xa que na ferramenta de análise saíame que fora visitada por xente de Madrid e Barcelona.
-Fixo moito traballo: investigación, entrevistas, fotografía e videografía, maquetación, deseño web…
-Todos os días facía algo, pero a cousa é organizarse. Ao querer facer tanto material vólveste un pouco tola, porque tes que atender a varias cousas á vez. Cando ía facer as entrevistas aproveitaba para grabar e facer todo dunha vez.
-De onde saiu o nome de Heroicas?
-Quería xogar co termo de viticultura heroica, algo vencellado á zona e recoñecible. Ao mesmo tempo, penso que heroicas é o adxectivo acertado para a figura da muller rural. Paréceme que son as heroínas do día a día, e que a miúdo non se recoñecen.
-Pensa continuar co proxecto no futuro?
-Como é un documental web, agora mesmo é unha historia con principio e final que xa se conta. Pero si que me gustaría, quizais nuns anos, volver facer unha tanda de entrevistas, para retratar tanto a evolución da muller, como a situación socioeconómica da Ribeira Sacra. Creo que é algo que vai mudando co tempo, xa nas propias mulleres que foron entrevistadas podemos ver unha diferencia, tanto xeracional como de perfil de muller, de experiencias… Pareceríame interesante repetir nuns anos para ver a evolución.