Correos edita un selo coa efixie de Lois Pereiro no 25 cabodano do seu pasamento

La Voz MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

O deseño do selo e máis da tarxeta son obra de Amanita Studio
O deseño do selo e máis da tarxeta son obra de Amanita Studio CEDIDA

Foi encargado polo Ateneo Casino de Monforte dentro dos actos que ten organizados esta entidade para conmemorar o aniversario

07 jul 2021 . Actualizado a las 14:44 h.

O poeta Lois Pereiro xa ten o seu propio selo. O Ateneo Casino de Monforte encargou este ano a Correos a realización dun selo co que conmemorar o 25 aniversario do pasamento do autor de Poesía última de amor e enfermidade. Os responsables desta entidade anunciaron este mércores que parte da tirada deses selos está xa en circulación., xunto cunha postal creada tamén para a ocasión.

O selo e a postal locen deseños semellantes, obra de Amanita Studio. «Tratándose dun poeta tan viaxeiro como Lois Pereiro, é fermoso pensar que estes postais e selos están agora mesmo circulando polo planeta», explica Xepe Rodríguez, un dos impulsores da iniciativa «25 anos con Lois Pereiro», a programación especial que con motivo deste aniversario ten en marcha o Casino Ateneo de Monforte.

Esa programación abriuse co denominado acto expansivo do pasado 5 de xuño, que incluíu a publicación nas redes sociais de fragmentos en vídeo de lecturas de poemas de Lois Pereiro protagonizados por outros escritores e tamén por persoas anónimas desde diferentes lugares de Galicia e doutros países. Os portavoces do Ateneo Casino aseguran que esta entidade irá anunciando ao longo deste ano máis iniciativas ideadas para conmemorar esta efeméride.