Pensar en Monforte

Encarnación Rivas DIRECTORA XERAL DE URBANISMO

LEMOS

03 jul 2021 . Actualizado a las 20:14 h.

Na xornada Pensar Monforte, profesionais de diversas disciplinas analizamos a mobilidade e rexeneración urbana deste municipio, partindo dunha reflexión inicial: ao longo dos tempos, as distintas condicións para vivir xuntos definiron distintas formas de vivir xuntos. Diso trata o urbanismo.

De Roma a Pequín, pasando por Monforte de Lemos, o distinto largo das rúas, a altura dos edificios ou a dimensión das prazas falan de como somos. Pero o urbanismo non é só espello, senón tamén mapa para saber como queremos ser.

Agora que tan de moda está a planificación a longo prazo cómpre reivindicar que a verdadeira planificación estratéxica e prospectiva é o urbanismo. Quen en Monforte pensou a implantación do Colexio dos Escolapios e a rúa do Cardenal, tomou decisións que perduran no espazo tras 400 anos.

Os plans que facemos hoxe sobre as cidades determinan o noso futuro, e o das xeracións vindeiras, de aí a súa importancia. Os plans xerais de ordenación municipais (PXOM) distan moito de ser exercicios burocráticos, pois son, ao contrario, verdadeiras mostras de soberanía dos cidadáns sobre o territorio. Neles plásmanse os dereitos e deberes dos propietarios, as directrices de protección, desenvolvemento e sustentabilidade económica e ambiental.

O urbanismo municipal ten que ser motivo de orgullo e sinal de identidade dos cidadáns. Contar cun plan moderno é clave para o desenvolvemento dun territorio porque constitúe a folla de ruta do seu futuro. E porque o territorio é demasiado importante como para deixalo só nas mans das administracións públicas, cómpre asumir que o urbanismo é unha responsabilidade colectiva, froito do diálogo de toda a sociedade en conxunto. Diso trata o Urbanismo Responsable.

Xa que a sociedade é a protagonista da planificación, esperamos a súa implicación e resposta, tamén en Monforte. Necesitamos que o Concello, o resto de administracións públicas e, sobre todo, todos os monfortinos sexan cómplices na ordenación racional dun PXOM que poña orde onde antes había caos, que conxugue intereses xerais e particulares, que sexa motor de desenvolvemento. Monforte precisa un plan porque o seu futuro non pode improvisarse.

Desde a Xunta mantemos o ofrecemento de colaboración ao Concello no camiño de dotarse dun PXOM adaptado aos criterios actuais de sustentabilidade económica e ambiental, coherente coa súa evolución e que planifique con garantías o seu futuro.

Un Plan sería unha mostra de pensar Monforte, pero sobre todo de pensar en Monforte. Demostremos que, con determinación e traballo conxunto, os monfortinos somos quen de escribir o noso futuro e trasladar ao territorio o noso sistema de valores.