«A casa de Repil é ideal para estudar a evolución da vivenda labrega no século XX»

Francisco Albo
Francisco Albo MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

Cristina Incio participa na nova campaña de escavacións arqueolóxicas que se leva a cabo nas ruínas da casa de Repil
Cristina Incio participa na nova campaña de escavacións arqueolóxicas que se leva a cabo nas ruínas da casa de Repil

A arqueóloga Cristina Incio estuda as transformacións que experimentou a vida cotiá do rural no escenario do choque armado que tivo lugar en abril de 1949 entre Monforte e A Pobra do Brollón

22 abr 2021 . Actualizado a las 17:54 h.

A arqueóloga Cristina Incio del Río, adscrita como investigadora ao Instituto de Ciencias del Patrimonio, participa na nova campaña de escavacións no escenario da chamada batalla de Repil, no límite entre os municipios de Monforte de Lemos e A Pobra do Brollón, da que se cumpre esta semana o 72 aniversario. As escavacións lévanse a cabo dentro da Semana da Memoria Histórica que organiza a asociación veciñal da parroquia de Cereixa, no segundo destes municipios.

-Cal é o seu papel nestas escavacións?

-Non traballo no terreo da arqueoloxía da guerrilla e a memoria histórica, como os demais arqueólogos que participan neste traballo. Estou preparando un proxecto de doutoramento sobre a evolución da vivenda labrega en Galicia no tránsito á época moderna. Isto xa foi moi estudado por historiadores e sociólogos, pero non desde o punto de vista da vida diaria e das pegadas materiais que deixaron estes cambios, que é o que estou estudando eu. A casa onde tivo lugar o choque de Repil é ideal para estudar como se produciu esta evolución no século XX.

-Por que motivo?

-Porque nestas ruínas vense moi claramente as transformacións que se produciron nas vivendas rurais galegas a mediados do século pasado. A casa non é moi antiga porque foi construída na década de 1930, pero fíxose de acordo co modelo tradicional das casas labregas da comarca. Na década de 1950 foi moi reformada para adaptala ás novas condicións de vida, e eses cambios son un exemplo moi representativo do que sucedeu en moitas outras vivendas rurais galegas nesa época.

-En que consisten eses cambios?

-A casa orixinal fíxose de pedra e tapial, e tiña unha estancia única que servía de cociña, salón, comedor e dormitorio. O piso era de terra batida e a corte dos animais formaba parte do mesmo edificio. Na reforma dos anos 50, esa estancia única dividiuse en varios espazos separados. O piso da cociña cubriuse de cemento e o do comedor, de plaqueta hidráulica ou baldosa. Fíxose outra lareira, pero de ladrillo, o que é moi curioso, porque mostra como se mesturaban as tradicións e os novos materiais construtivos. Fíxose tamén un cuarto de baño, que antes non existía... Estas transformacións reflicten unhas novas condicións materiais de vida e tamén un cambio nas mentalidades. Son un sinal claro da chegada da modernidade e doutra forma de entender a individualidade persoal.

-Hai outros lugares de Galicia onde se estean facendo investigacións deste tipo?

-Creo que o de Repil é por agora un caso único, porque en Galicia -e en xeral en toda España- aínda non está moi difundida a arqueoloxía da época contemporánea. O obxectivo orixinal deste proxecto é estudar as pegadas dun enfrontamento armado na posguerra, pero o feito de que se estea escavando nunha antiga casa labrega dá a oportunidade de investigar tamén os cambios que houbo na vida cotiá do mundo rural durante ese período histórico.