«Basta falar cos hostaleiros para constatar que o sector crece»


monforte / la voz

Alexandra Seara sostén que o 2019 foi un bo ano para o turismo na Ribeira Sacra. A xerente do consorcio de turismo argumenta que, independentemente do que digan as estatísticas oficiais, calquera que traballe en contacto cos profesionais do sector pode constatar que o crecemento é sostido ano tras ano.

-Esperaban estas cifras?

-Esperabamos e sabemos que houbo datos mellores. As estatísticas dependen das estadías en establecementos que se declaren, e nos momentos de auxe pasa ás veces que se tira dos datos para abaixo por temor a un cruzamento con información fiscal. Nas oficinas de turismo, nas embarcacións, nas axencias de viaxes, ou no gremio dos guías oficiais recóllense datos de crecemento moi significativos ano tras ano. Basta tamén con falar cos propios hostaleiros: é bastante improbable dar con algún que che fale de datos semellantes ou inferiores. Salvo en zonas a unha distancia considerable dos puntos de afluencia, todos recoñecen que se crece de xeito moi significativo. De feito, foi habitual recoller estes días percepcións do tipo «Eu confórmome coa ocupación do 2019 para o resto de anos».

-Hai que acostumarse a estas cifras ou ten sentido agardar que o número de turistas se incremente moito nos próximos anos?

-Está claro que a decisión da Unesco sobre a declaración da Ribeira Sacra como patrimonio da humanidade vai condicionar o que aconteza a curto e medio prazo. E, independentemente da nova que recibamos en 2021 ou 2022, estamos nun momento á alza. O destino está de moda, e vémolo nas xestión diaria. Este mes de xaneiro, sen ir máis lonxe, recibíronse moitísimas chamadas e correos tratando de contratar rutas fluviais e visitas a adegas. Houbo moito máis movemento que calquera outro ano, a pesar de que a oferta «aberta» é moi limitada. As axencias e medios de comunicación nacionais e internacionais que contactaron só no que vai de ano tamén dan boa mostra de que a Ribeira Sacra está xa noutro nivel de coñecemento.

-O número de prazas dispoñibles neste momento é o que precisa a zona ou fan falta máis?

-Se o veredicto da Unesco é positivo, probablemente se fagan poucas as prazas actuais. Pero eu prefiro ser cauta. Hai unha boa oferta que temos que encher entre marzo e maio. O verán é «demasiado» bo, e o outono moi bo (a pesares do novembro do 2019, no que as choivas permanentes fixeron caer a demanda), pero temos posibilidades para mellorar a ocupación na primavera. O inverno digamos que xa é moito máis complexo de xestionar, porque xa hai un bo segmento do mercado que renuncia ao frío, ao mal estado das estradas... E a propia oferta mantén esa tempada como período de vacacións, de obras, ampliacións, melloras, formación... Encher os aloxamentos en xaneiro ou febreiro non é unha tarefa sinxela, salvo que sexa un destino de neve.

-E se fan falta máis prazas, de que clase preferentemente? Hoteis de tres estrelas en adiante, hoteis máis baratos, luxo, turismo rural?

-Hai necesidade de cubrir determinados segmentos do aloxamento, como son os cámpings, cun deseño e servizos de calidade, os albergues para o Camiño de Inverno e ao mellor tres ou catro hoteis en distintos puntos da Ribeira Sacra, con categoría de tres e catro estrelas, singulares, de pequeno tamaño, sobre as cincuenta prazas. Cuberto iso, coido que haberá que planificar moi ben a oferta a crear, de xeito sustentable, e dispersándoa polo territorio para evitar sobrecargar os puntos que xa comezan a dar mostras de saturación en determinados momentos. Tamén faltan restaurantes, especialmente na parte ourensá. Nichos de emprendemento aínda quedan bastantes, na oferta complementaria sobre todo. En canto ao segmento de luxo, xa se nos teñen presentado proxectos para este segmento nos últimos meses, e eu penso que teñen cabida, incluso diría que se precisa un aloxamento de poucas prazas para un visitante que demanda as cinco estrelas. Quizais non ten que ser un hotel, senón algo máis pequeno, pero moi exclusivo.

Alexandra Seara cre que hai marxe para abrir novos establecementos turísticos

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

«Basta falar cos hostaleiros para constatar que o sector crece»