O xeoparque Montañas do Courel, un recurso audiovisual para a educación

Francisco Albo
francisco albo QUIROGA / LA VOZ

LEMOS

Vídeos gravados no territorio están sendo empregados nun proxecto educativo denominado XeoClip

14 dic 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

O xeoparque Montaña do Courel é un dos recursos educativos do proxecto XeoClip, que ten por obxectivo elaborar materiais audiovisuais didácticos para as clases de xeoloxía na ESO e no bacharelato. Un perfil de Facebook e un canal de YouTube creados para difundir estes traballos ofrecen dous vídeos realizados recentemente na serra. Un deles está dedicado a explicar a influencia dos antigos glaciares no relevo e na paisaxe do Courel. O outro, dun carácter máis xenérico, mostra algunhas das paraxes máis representativas do xeoparque e foi editado como homenaxe ao Día Internacional das Montañas, celebrado o pasado 11.

Os profesores Rocío Romar e Alberto Fortes, que traballan neste proxecto, sinalan que os vídeos son elaborados expresamente para que se adapten aos currículos destes tramos educativos e están acompañados de informacións complementarias para cumprir mellor esa función. Outros episodios foron gravados en lugares como as praias das Catedrais -en Ribadeo- e Traba -en Laxe-, a cova leonesa de Valporquero ou a Ciudad Encantada de Cuenca. Os vídeos utilizan con frecuencia imaxes aéreas gravadas con drons e tamén animacións que axudan a comprender os procesos xeolóxicos.

Dentro do mesmo proxecto, Romar e Fortes están preparando agora unha serie de láminas interactivas en 360 graos nas que se utilizarán imaxes gravadas en lugares de especial interese do xeoparque Montañas do Courel, como son o val de Seara, a Devesa da Rogueira, a lagoa glaciar da Lucenza, o relevo calizo do monte Taro Branco e as dolinas de Millares e Seixo. Estas láminas comprenderán fotografías, enlaces a vídeos, información escrita e propostas para realizar actividades nas aulas. Este material está concebido para as clases de ESO e terá un carácter tranversal, de maneira que non só poderá ser empregado para ensinar xeoloxía, senón tamén outras materias. «Por exemplos, incluímos enlaces que permitirán ler poemas de Uxío Novoneyra sobre a serra do Courel, polo que estas láminas tamén poderán aproveitarse nas clases de lingua e literatura», explican os docentes.

Estas láminas, aínda en proceso de elaboración, estarán dispoñibles a partir de xaneiro na conta de Facebook do proxecto XeoClip. Pero os seus autores sinalan que tamén están dispostos a presentar estes materiais didácticos onde llo soliciten. «Non nos referimos só aos centros educativos, senón tamén a asociacións culturais e veciñais, concellos e a todos os que estean interesados», indica Rocío Romar.

Unha iniciativa didáctica relacionada co Proxectoterra

Todos os docentes que participan no proxecto XeoClip teñen traballado tamén no chamado Proxectoterra, unha iniciativa promovida polo Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia e cofinanciada pola Consellería de Medio Ambiente que ten a finalidade de difundir o coñecemento da arquitectura e da paisaxe nos centros educativos da comunidade. Dentro do Proxectoterra organizáronse durante os últimos anos numerosas excursións de alumnos de diferentes localidades galegas á serra do Courel e á Ribeira Sacra. Estes dous destinos, segundo explicaron no momento os responsables do proxecto, están entre os máis demandados polos centros de ensino que participan nestas actividades.

Rocío Romar e Alberto Fortes, non obstante, precisan que o proxecto XeoClip é independente do Proxectoterra, aínda que teñen obxectivos similares e comparten boa parte do persoal.