«Non é unha especie invasora, senón totalmente autóctona»

f. a. QUIROGA / LA VOZ

LEMOS

Óscar Rivas colabora no plan Life para a conservación do oso pardo na serra do Courel
Óscar Rivas colabora no plan Life para a conservación do oso pardo na serra do Courel

11 ene 2020 . Actualizado a las 15:01 h.

Veterinario especializado en fauna silvestre e colaborador do Plan Life Oso Pardo da serra do Courel, Óscar Rivas afirma que os animais que están causando danos na montaña lucense non son ratas comúns, senón unha especie propia da cordilleira Cantábrica: a rata de auga setentrional, chamada rata topera en castelán. O seu antigo nome científico, Arvicola terrestris, foi cambiado en tempos recentes por Arvicola scherman.

-De onde veñen estes animais?

-Non son unha especie foránea e invasora, como poden ser a velutina e a avespiña do castañeiro. É unha especie totalmente autóctona e o límite occidental da súa área de distribución está nas serras dos Ancares e do Courel. Aínda que se lles chama ratas, non teñen nada que ver coas ratas comúns nin cos ratos silvestres. Están emparentadas coas ratas de auga, que son dun xénero de roedores moi diferente.

-Por que están aparecendo en cantidades tan grandes?

-O que está pasando non se pode cualificar como unha praga, porque estes animais non se moveron do seu hábitat tradicional. É un fenómeno natural, unha explosión demográfica que se produce cando se dan circunstancias favorables. Este mesmo fenómeno xa se produciu varias veces en Asturias nos últimos anos.

-Por que poden estar causando todos estes estragos nos prados?

-O seu comportamento é moi similar ao das toupas comúns, aínda que non teñen ningún parentesco con elas e son un pouco máis grandes. Cavan na terra uns buratos moi parecidos aos das toupas. Son totalmente herbívoros e é probable que a transformación dos terreos en prados axude a esta proliferación, porque os prados resúltanlles moi atractivos para buscar alimento.

-Non se pode facer nada para frear esta expansión?

-É difícil encontrar unha solución, pero hai que ter en conta que é un fenómeno natural que dura certo tempo e despois desaparece. Un inverno rigoroso pode provocar unha mortandade importante entre estes animais e facer que a poboación volva a uns límites normais. Ademais, esta especie ocupa un lugar moi importante nos ecosistemas porque sirve de presa a moitos animais carnívoros.