Edu Rodríguez ten claro que o seu sistema é o mellor para conseguir bos resultados
11 oct 2019 . Actualizado a las 05:00 h.O adestrador do Club Lemos, Edu Rodríguez, analiza a situación que atravesa o seu equipo na liga. Despois de sete xornadas disputadas, o conxunto monfortino só suma catro puntos. O técnico recoñece que non é un momento doado, pero está convencido que se trata dunha situación pasaxeira. «Estaría preocupado se levásemos unha liña descendente, pero no é o caso», subliña Rodríguez.
-¿Esperaba este arranque tan frouxo do equipo?
-Sabíamos que ía ser complicado, porque estamos falando dunha categoría nova e moi esixente. Pero é verdade que esperabamos ter outros resultados. Salvo nos partidos de Viveiro e Mugardos, nos que fomos inferiores aos rivais, pola imaxe que demos nos outros mereceríamos estar con máis puntos na clasificación.
-¿Onde están as causas deste mal inicio de liga?
-As causas hai que buscalas na adaptación e nos erros que estamos cometendo no traballo defensivo, que nos penalizan moito. Pero se a liña de xogo fose descendente si estaría preocupado, pero non é o caso. Co paso das xornadas o equipo está medrando.
-¿Como está vivindo estas semanas?
-Teño que dicir que son semanas de aprendizaxe. No CD Lugo xa pasei por unha situación similar. Recordo que na primeira volta só perderamos un partido na Madroa e na segunda as cousas non foron nada ben. Nestas situacións é onde realmente coñeces ao futbolista e ves as persoas que están ou non están contigo. Hai que recoñecer que non é un momento doado.
-¿Coida que a alguén lle interesa que o Lemos vaia mal?
-Sinceramente, se hai ese interese, non me importa en absoluto. Eu estou centrado en sacar bos resultados para reverter esta situación. Todas as opinións son respectables, pero entendo que algúns dos que falan non saben como traballamos.
-¿Moléstanlle as criticas que está recibindo o equipo?
-As críticas aos futbolistas non me gustan. Os xogadores merecen un respecto por todo o que fixeron por este club e polo seu traballo. Se hai algunha crítica interna si que me afecta e me molesta.
-¿Coida que moitos se esqueceron do que fixeron estes anos?
-Si. No fútbol a xente esquécese rápido, sobre todo cando os resultados non acompañan. Pero como dixen, eu convido aos críticos a que se acheguen a ver os adestramentos e como competimos nos partidos. Desgrazadamente, moitos só se quedan cos resultados.
-Unha das críticas que máis se escoitan e que a forma de xogo do Lemos é moi atrevida para a Preferente.
-Eu ríome disto. Ao final, todo o mundo que me coñece sabe cal é a miña personalidade e o meu estilo, e non vou a cambiar. Coido que esta é a mellor forma para conseguir bos resultados. A idea de fútbol do Lemos non cambiará mentres estea no Lemos.
-¿Cales son as claves para a reacción do equipo?
-Ter máis acerto de cara ao gol e poñernos por diante no marcador. O fútbol está sendo moi inxusto con nós. Temos que xogar ben con balón e sen el.
-O domingo chega o San Tirso.
-Un partido complicado, que temos que gañar. É un conxunto que estará na zona media-baixa da clasificación. Ten futbolistas que marcan a diferenza e que chegaron de categorías superiores. Álvaro Rey e Dani son dous exemplos.
-Necesitan o triunfo si ou si.
-Estamos traballando para conseguilo. É necesario, porque nos reforzará animicamente de cara ás vindeiras xornadas. Quero deixar claro que os meus futbolistas están comprometidos a tope co proxecto, e así o demostran vindo adestrar catro días a semana, incluso cando un deles é voluntario.
-¿Están cumprindo os reforzos as expectativas?
-A todo xogador lle custa adaptarse a unha idea. Neste apartado de reforzos, teño que dicir que uns adaptáronse mellor que outros. Debemos ser coidadosos con todos os futbolistas.
-¿Haberá saídas ou entradas no plantel proximamente?
-Nunca se sabe. Teño 19 futbolistas, e salvo que a algún me diga que quere marchar porque non ten minutos, eu non contemplo ningunha baixa. Confío plenamente nesta plantilla e seguirei con ela ata o final. No tocante a posibles incorporacións, xa dixen que nunca se sabe.
-¿Síntese respaldado pola directiva?
-O feito de que non se sentasen a falar comigo nesta difícil situación quere dicir que teñen confianza en min.
-¿Que mensaxe lle traslada aos afeccionados?
-Pídolles que teñan un pouco de paciencia e que estean con equipo, porque imos reverter pronto esta situación. Hai que apoiar a estes futbolistas, que como comentei, moito nos deron nas dúas últimas temporadas.