O mandatario do Calasancio denuncia que o club lucense xa lles levou un total de quince futbolistas
13 jun 2019 . Actualizado a las 19:26 h.O Calasancio clausura hoxe a súa temporada coa súa tradicional cea de confraternidade, na que se darán cita unhas trescentas persoas. Aproveitando esta data, o seu presidente, Juan Carlos Díaz, fai unha análise dunha temporada que cualifica de «moi complicada». O mandatario anuncia que seguirá ao fronte do club a vindeira campaña e que competirán na liga promesas feminina co nome do Monte Forte.
-¿Que titular lle pon á temporada?
-Foi unha temporada moi complicada. No persoal perdemos a Álex Blanco, algo que nos marcou moito, e no deportivo descendemos co xuvenil e co infantil á liga provincial. Esperamos compensar algo este desgusto cos cadetes, que esperamos que ascendan mañá.
-¿Como explica estes descensos?
-No infantil era a crónica dunha morte anunciada, porque competimos nunha liga na que xogan todos os filiais e ademais baixan cinco. No tocante ao xuvenil teño que dicir que fixemos unha primeira volta moi boa, pero o partido do Barco marcounos. Sen provocar, futbolistas do noso equipo que marcan as diferenzas recibiron sancións de longa duración. Tamén teño que denunciar o asedio que tivemos por parte do CD Lugo, que xa nos levou 15 futbolistas, que finalmente alí non teñen continuidade. Esa política de terra queimada afectounos moito.
-¿Non hai maneira de tender pontes de colaboración?
-Intentámolo, pero foi peor. A realidade é que o que querían dende o Lugo era manexar o noso club. Eles querían elixir os futbolistas a cambio de nada, e por iso o Calasancio non pasa.
-¿Por onde pasa a solución?
-Porque os pais e os xogadores se conciencien e avalíen se lles interesa estar tirados na estrada catro días a semana para non ter continuidade nun club que ademais non conta con infraestrutura, porque un día adestran en Friol e outro en Cospeito. Estamos nun tempo no que hai unha mentalidade pola que todos pensan que van ser Messis ou Ronaldos. Mentres non cambie isto, estaremos en perigo de perder a categoría.
-¿Vese con ganas de seguir?
-A temporada que ven continuarei como presidente do Calasancio. Non é o momento de abandonar, e máis nun intre de vacas fracas. Imos traballar por corrixir aquilo que fixemos mal e por devolver os equipos as ligas galegas.
-A temporada que ven recuperan o nome do Monte Forte.
-O fútbol feminino sairá co nome do Monte Forte, porque é un club que ten todo o día. Esta campaña faremos un equipo para competir na liga promesas. A seguinte xogaremos na autonómica infantil e cadete, e cando teñamos unha estrutura sólida recuperaremos a categoría sénior.
-¿Haberá moitos cambios na estrutura técnica?
-Carlos Fontal seguirá como director deportivo, pero con máis atribucións. Estará apoiado por máis técnicos. Xa contamos cun novo preparador físico, e nos vindeiros días daremos a coñecer o cadro técnico da vindeira temporada.
-¿Que lectura fai da filialidade Club Lemos-Calasancio?
-Moi positiva, porque os dous clubs temos a mesma filosofía, é dicir, dámoslle protagonismo aos futbolistas da comarca. É un acerto, porque puidemos ver que aspecto presentou a grada da Pinguela co equipo na Primeira Autonómica. Todo isto é posible porque o Club Lemos ten un presidente coas mesmas ideas que defendemos nós. Os dous clubs teñen que ir xuntos, e aí estará o éxito do fútbol local.
-¿Que mensaxe lle envía a afección?
-Agradecerlles o apoio e dicirlles que traballaremos para volver as ligas galegas.