«Conseguimos integrar instrumentos medievais na música contemporánea»

Laura López LUGO / LA VOZ

LEMOS

ALBERTO LÓPEZ

A banda ofrece un concerto especial con músicos convidados e segue inmersa nunha xira na que emprega pezas musicais únicas e descoñecidas do Centrad

02 jun 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

«Cinco anos de música e amizade»: é o resumo que fai Santiago Noriega -integrante e un dos fundadores do grupo Lucus Ensemble- destes cinco anos que leva funcionando a banda lucense, especializada en proxectos musicais para corda, vento e percusión. Para celebralo, hoxe darán un concerto no centro cultural O Vello Cárcere, organizado pola Sociedade Filarmónica de Lugo. Será ás 13.00 horas e a entrada é libre ata completar o aforo.

O concerto leva por título Concerto Lucus Ensemble e Amigos. 5º aniversario: con Gulda empezou todo, e fai referencia ao tema principal desta actuación, Concerto para violonchelo e orquestra de ventos, de Friedrich Gulda. «Con ese tema entramos en contacto moitos dos músicos de Lucus Ensemble nun concerto benéfico hai uns sete anos, de aí naceu este grupo», lembra Noriega. Porén, nesta ocasión será un concerto máis especial, pois interpretarán algún tema a maiores e farano sumando oito músicos convidados, entre eles, un director convidado, Iván Martínez Sabio, que dirixe a Filarmónica de Lugo: «Son todos artistas fantásticos, destacados nos seus respectivos instrumentos, formando unha orquestra de 18 músicos para este concerto, que creará unha actuación espectacular».

Nestes cinco anos, a agrupación foise afianzando: «Pensamos en facer un grupo que durara no tempo, con virtuosismo musical e con persoas afíns, (...) e conseguimos unha pandilla de amigos que goza por e para a música», conta Noriega. Ademais, toda a música de Lucus Ensemble está composta ou arranxada polos membros do grupo.

Novos retos

Despois destes primeiros cinco anos, a Lucus Ensemble chegoulle un importante reto: unha xira de concertos con instrumentos medievais, un proxecto impulsado polo Centrad da Deputación de Lugo para dar a coñecer, divulgar e poñer en valor os instrumentos da colección provincial.

Concretamente, a Lucus Ensemble chegaron catro instrumentos medievais: giga, viola de perna de tres cordas, zanfona medieval e salterio. «Son instrumentos que non coñeciamos e que case non foran tocados en público, así que supuxo un gran reto para todos, sobre todo para os arranxistas e compositores do grupo», segundo detalla Noriega. Así que tiveron que levar a cabo un intenso traballo de estudo e ensaios para preparar un repertorio adaptado a eles e integralos con instrumentos contemporáneos. O resultado é sorprendente e está gustando moito ao público: «É un proxecto interesantísimo co que non facemos música medieval, senón que facemos música contemporánea con instrumentos medievais», continúa Noriega.

O próximo concerto da xira con instrumentos medievais terá lugar o domingo 9 ás 19.00 horas na Igrexa de San Estevo de Ribas de Miño, no Saviñao. O día 30 actuarán en Castroverde; o 11 de xullo, en Viveiro; o 15 de setembro, en Alfoz; e o 13 de outubro rematarán a tempada no claustro da Catedral de Lugo.