«En ningún sitio cheguei a tanta profundidade como no Courel»

Francisco Albo
francisco albo QUIROGA / LA VOZ

LEMOS

ALBERTO LÓPEZ

Jesús González buscou minerais no subsolo da serra, onde alcanzou cerca de setecentos metros baixo a superficie

15 feb 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Natural do Cebreiro, Jesús González García ten unha longa experiencia profesional como técnico en sondaxes mineiras. Durante doce anos traballou na mina de chumbo e cinc de Rubiais, no seu municipio natal, e posteriormente creou con tres socios unha empresa especializada en sondaxes e estudos mineiros. Hai arredor de dúas décadas participou na búsqueda de xacementos minerais de diversos tipos na Serra do Courel por encargo de difentes compañías mineiras.

-¿Que tipos de xacementos buscou no Courel?

-Por unha parte, fixen sondaxes para unha compañía sueca que buscaba chumbo e cinc. Tamén busquei ouro por encargo da empresa Exminesa, pero en ningún caso se encontraron eses minerais en cantidades suficientes como para que a súa explotación fose rendible.

-¿Onde buscaron chumbo e cinc?

-Os suecos fixeran unha serie de sondaxes seguindo as vetas de mineral desde Toral de los Vados, na provincia de León, e querían buscar tamén na zona de Seoane do Courel. A min tocoume traballar en Visuña, cerca da entrada da cova de Arcoia. Chegamos a uns setecentos metros de profundidade. Nunca cheguei tan abaixo nunha sondaxe e creo que en toda España moi poucas veces se alcanzaron esas profundidades. No territorio español, as sondaxes mineiras normalmente chegan como moito a trescentos ou catrocentos metros. Houbo que traballar moito tempo seguido, en turnos de doce horas, porque a máquina non se podía parar.

-¿Por que houbo que chegar tan abaixo?

-Foi debido á xeoloxía da serra, que é moi complicada, e a que nesa zona hai unhas camadas moi importantes de rocha caliza. Onde se encontran os minerais é na área de transición entre a caliza e a pizarra. Cando se encontra unha camada de caliza, hai que facer sondaxes por enriba e por debaixo dela. No caso do Courel, esa rocha tiña moito grosor e por iso houbo que baixar a esas profundidades. Apareceron algunhas vetas de chumbo e cinc, pero en cantidades moi pequenas. O que encontramos en moita cantidade foron fósiles de coral. Os xeólogos dicían que iso demostraba que o territorio que agora é a Serra do Courel estivo por debaixo do mar hai millóns de anos e que ademais formou parte dunha rexión de clima cálido, como pode ser hoxe o Caribe.

-¿Buscaron noutros sitios?

-A compañía tamén pretendía facer sondaxes cerca das fontes que hai no bosque da Devesa da Rogueira, pero non llo permitiron por ser unha zona de moito valor natural. Tiveron que saltar ese trozo de terreo e quen sabe se aí non aparecerían os minerais que buscaban.

Non apareceu chumbo, cinc nin ouro, pero si un manancial de auga

As sondaxes realizadas no seu día por Jesús González na Serra do Courel non ofreceron resultados desde o punto de vista da minería, pero -segundo explica- non deixaron de ter algunha utilidade.

-¿En que parte do Courel buscou ouro?

-Estiven facendo sondaxes na zona da mina da Toca, onde se explotou o ouro nos tempos do imperio romano. Encontramos un pouquiño, pero non o suficiente como para que resultase interesante abrir unha explotación. Para que sexa rendible ten que haber como mínimo catro gramos de ouro por cada tonelada de terreo e o que apareceu nas sondaxes foi moito menos, así que non houbo maneira de aproveitalo. Por certo, o que encontrei alí foi unha pebida de ouro moi bonita. Mostreilla a un dos técnicos que participaban nos traballos e quedouse con ela dicindo que era só un pedazo de pirita (risas). Pero despois souben que aquela pebida era de ouro auténtico. Pouco máis foi o que apareceu.

-¿Non encontrou nada máis nas súas sondaxes?

-Minerais aproveitables non apareceron, pero nunha desas sondaxes apareceu auga en moita cantidade xunto a unha pista que vai de Visuña a Ferramulín. Polo que souben máis tarde, ese manancial foi aproveitado para a traída de Ferramulín.