De onde sae o barro de Gundivós?

Francisco Albo
francisco albo MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

CARLOS RUEDA

Agroma Sober pide que se adquiran terreos adecuados onde os oleiros do municipio poidan conseguir arxila

01 dic 2018 . Actualizado a las 21:44 h.

Os representantes de Agroma Sober anunciaron que presentarán no Concello unha moción na que se pedirá que as administracións -especialmente a Deputación, pero tamén a Xunta- impulsen un proxecto de adquisición de terreos para aprovisionar de barro os dous obradoiros de olería do municipio. A formación sinala que na actualidade en Sober non hai lugares destinados especificamente á extracción de arxila, ao contrario do que sucede nos outros municipios galegos onde se conservan as tradicións oleiras. «Poder dispor de barreiras [canteiras de arxila] no termo municipal significaría un avance no mantemento da calidade e características propias da nosa olería, e un elemento de apoio por parte das administracións a este oficio tradicional», afirman.

Aínda que a olería de Sober está centrada historicamente en Gundivós, a maior parte da arxila utilizada polos artesáns do municipio foi sempre extraída noutras parroquias. «O barro de Gundivós non vale para a olería», explica o artesán Tomás López, responsable dun dos obradoiros que permanecen activos no municipio. As barreiras máis valoradas polos oleiros encóntranse principalmente nas parroquias de Santa Cruz de Brosmos, Bulso, Lobios e Figueiroá.

Algúns deses sitios están en terras comunais e outros en leiras privadas. «O que sucede é que a maioría dos lugares onde se extraía o barro encóntranse hoxe en moi malas condicións e son pouco accesibles, porque os montes están abandonados», apunta por outro lado. Para obter actualmente o barro -continúa López- «hai que ir sacando un pouco de onde se poida e de calquera maneira, tratando de localizar os sitios que resulten máis accesibles e pedindo permiso a propietarios que ás veces non son fáciles de localizar ou convencer».

En opinión de López, a Deputación debería axudar a localizar e adquirir algún terreos adecuados para a extracción de arxila a fin de solucionar estes problemas. O organismo provincial -recorda o artesán- «ofreceuse no ano 2000 a abrir unhas barreiras comunitarias pero ao final non se fixo nada».

Outros centros produtivos

A situación da olería de Gundivós, apunta por outro lado Tomás López, contrasta coa doutros centros oleiros tradicionais de Galicia, como os de Bonxe e Buño. «Neses sitios contan desde hai tempo con barreiras que foron compradas polas deputacións, e o ideal sería que aquí se fixese o mesmo», engade.

A xuízo de Agroma Sober, por outro lado, a adquisición por parte da Deputación de terreos aptos para extracción de arxila «é un proxecto viable» e, ademais, unha medida necesaria para «darlle continuidade e manter a esencia da olería tradicional de Gundivós». Os representantes da mencionada formación política entenden así mesmo que unha medida deste tipo «debería ir unida a un maior apoio a este oficio» no ámbito do municipio. Promocionar a tradición oleira local, din por outra parte, axudaría a «atraer un turismo de calidade e respectuoso co medio e coa cultura propia».

«Correúdo» e «faragullán», dous materiais de diferentes tipos e con distintos usos

Os oleiros de Gundivós utilizaron tradicionalmente dous tipos diferentes de barro, que reciben as denominacións respectivas de «correúdo» e «faragullán». O primeiro deles, descrito como «máis ‘ligoso’ ou forte» polo investigador etnográfico Luciano García Alén, caracterízase por presentar unha maior consistencia e plasticidade. O barro faragullán é dunha natureza máis areosa.

Segundo explica Tomás López, «o barro correúdo úsase para facer a maioría das vasillas de olería tradicional, como xarros, ámboas, olas, cántaros ou meleiros». En cambio, o faragullán «é o que se utiliza para facer pezas de cociña, como asadores e cazolas, porque é mais resistente ao lume». O barro natural de Gundivós -engade o artesán- só se empregaba para mesturalo en pequenas cantidades coas outras arxilas procedentes das demais parroquias cando os oleiros querían dar unha tonalidade «arroxada» ou avermellada ás súas pezas, xa que contén certa cantidade de óxido de ferro. O barro correúdo e o faragullán, polo contrario, teñen en xeral unha coloración moi clara.

Áreas de extracción

O barro faragullán é típico de Veiga de Liñares -na parroquia de Figueiroá-, mentres que o correúdo era extraído en Bulso, Santa Cruz e Lobios. «O principal problema está en conseguir barro correúdo, o de maior calidade, e penso que o máis interesante sería o de Santa Cruz», apunta López. En realidade -agrega-, para a produción oleira necesítanse barros dos dous tipos «porque para certas cousas hai que mesturar o correúdo co faragullán, pero obter o de Veiga de Liñares é algo menos problemático por estar nun terreo comunal e por encontrarse nun sitio máis accesible».