¿Por que comarca de Quiroga e non comarca do Courel?

f. a. QUIROGA / LA VOZ

LEMOS

GUILLERMO DÍAZ AIRA

O grupo C@urel Vivo propón cambiar o nome do territorio e di que sería beneficioso para os tres concellos

10 nov 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

O grupo C@urel Vivo anunciou a súa intención de presentar no Concello de Folgoso do Courel unha iniciativa para solicitar o cambio da denominación oficial da comarca. Segundo esta formación política, mudar o nome polo de comarca do Courel «sería beneficioso» para os tres municipios que a integran -Quiroga, Folgoso do Courel e Ribas de Sil- en aspectos como o fomento do turismo e a promoción dos produtos locais.

A este respecto, sinalan que a asociación fundada en tempos recentes polos tres concellos para promover a creación dun parque xeolóxico amparado pola Unesco escolleu chamarse Montañas do Courel «porque o nome ten máis repercusión no exterior» e por entender que «representa á xente dos tres concellos». Desde C@urel Vivo, así mesmo, apuntan que ao realizar buscas de destinos turísticos en Google «sae Courel como a palabra máis buscada entre os termos Caurel, Courel e Quiroga».

O exemplo dos Ancares

Por outro lado, os representantes de C@urel Vivo indican que a comarca dos Ancares recibe o seu nome da serra que a atravesa e consideran que no caso da comarca quiroguesa tamén debería prevalecer a denominación da súa principal característica xeográfica. Aos Ancares -engaden- «non lle chaman comarca de Becerreá por ser a vila de influencia». Neste sentido, o grupo resalta que a Lei de Desenvolvemento Comarcal de Galicia define as comarcas como agrupacións de concellos que comparten unha cohesión interna baseada, entre outros aspectos, nos feitos xeográficos.

Por estes motivos, a formación pedirá aos demais grupos políticos da corporación de Folgoso do Courel que aproben a súa iniciativa e que o Concello solicite posteriormente aos municipios de Quiroga e Ribas de Sil que respalden o cambio do nome oficial da comarca.