As gravacións realizadas por Xosé Lois Foxo destacan nun arquivo dixital do Consello da Cultura Galega
27 dic 2017 . Actualizado a las 05:00 h.As comarcas do sur lucense ocupan un amplo espazo no Mapa Sonoro de Galicia, un arquivo de rexistros auditivos creado recentemente polo Consello da Cultura Galega ao que se pode acceder en Internet. O mapa contén por agora en torno a medio millar de gravacións, unha grande parte das cales foron realizadas neste territorio. Esta presenza dominante débese sobre todo a Xosé Lois Foxo, natural do Courel e director da Real Banda de Gaitas de Ourense, que cedeu á mencionada institución numerosas gravacións de música popular realizadas por el na comarca de Quiroga e no municipio da Pobra do Brollón.
O mapa sonoro contén en total 335 gravacións achegadas por Foxo, que están agrupadas nun apartado específico denominado «Cancioneiro antropolóxico. Quiroga, Ribas do Sil, Montañas do Lor». Este título é o mesmo que o dun libro-disco editado o ano pasado co apoio dos concellos de Quiroga e Ribas de Sil, as deputacións de Lugo e Ourense, o Consello da Cultura Galega e a Xunta. O material cedido por Foxo é moito máis extenso que o que aparece no libro e no mapa sonoro. «Entreguei aos responsables deste proxecto máis de mil gravacións de cantares e melodías tradicionais para que eles seleccionasen o que lles parecese máis interesante», explica.
As gravacións que poden escoitarse no mapa sonoro foron feitas en diferentes épocas. Unha destas pezas, Alborada de Torbeo, foi rexistrada nun casete en 1973 e o seu intérprete é un gaiteiro de Ribas de Sil, coñecido polo alcume de Terratrás, que tocaba para os pasaxeiros dos trens que cubrían os traxectos entre Monforte, Lugo e Ponferrada. Outras pezas foron rexistradas en tempos moito máis recentes, como unha serie de cantares de seitura interpretados por veciños de Margaride de Lor, en Quiroga, que Foxo gravou no 2009.
No conxunto de Galicia, apunta Foxo por outro lado, non son moi abundantes os rexistros sonoros deste tipo. «Os investigadores e folcloristas que recolleron cantigas populares limítaronse en moitos casos a reproducir as letras, e cando tiñan formación musical tamén rexistraron as melodías en pentagramas», apunta. «Pero son moito menos numerosos os casos nos que se gravaron ademais as voces e as interpretacións dos informantes, sobre todo cando se trataba de veciños anónimos ou de músicos modestos que tocaban nas feiras e nas festas», engade.
Outras gravacións
Ademais dos materiais editados no Mapa Sonoro de Galicia, Foxo conta con moitas outras gravacións de música popular realizadas durante décadas en diferentes municipios do sur lucense. Unha parte destas pezas foi publicada nos libros Músicas do Courel -en tres volumes- e Os últimos cantores de Forgas. «Moitas das persoas que aparecen nesas gravacións cantando ou tocando instrumentos xa están falecidas», sinala. Ao seu xuízo, sería interesante que o Consello da Cultura Galega recuperase tamén estes rexistros sonoros polo seu especial interese musical, etnográfico e histórico.
Una colección de documentos de valor cultural, sons da natureza e actividades cotiás
O Mapa Sonoro de Galicia ten a finalidade de recoller gravacións de valor antropolóxico, etnográfico ou lingüístico, pero tamén sons da natureza e de todo tipo de actividades humanas. Ademais das numerosas pezas musicais recollidas por Xosé Lois Foxo, neste arquixo dixital poden escoitarse dúas gravacións realizadas en 1995 no sur lucense polos filólogos Francisco Fernández Rei e Carme Hermina Gulías. Nunha delas, un veciño da parroquia soberina de Barantes fala das vendimas. Na outra, unha estudante da parroquia de Líncora, en Chantada, conta unha viaxe ás Baleares. Estes rexistros foron feitos no marco dun estudo sobre as variedades dialectais galegas.
Outros rexistros sonoros incluídos nesta colección permiten escoitar o son da augas dun manancial situado no entorno da igrexa de Santo Estevo de Ribas de Miño -no Saviñao- e dunha fonte pública construída en 1956 nos Peares. O mapa contén ademais unha gravación do son que producen os transformadores e as torres de alta tensión da central hidroeléctrica de Belesar.
Achegas de voluntarios
O Consello da Cultura Galega ofrece a posibilidade de participar na elaboración deste mapa sonoro a todas as entidades, institucións e persoas particulares que o desexen. Para ser publicados, os arquivos de audio deben contar coas autorización das persoas que aparezan nas gravacións e ofrecer unha mínima calidade técnica.