O son do río Miño e outras paisaxes auditivas de Galicia

x. f. REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

M. MARRAS

O Mapa Sonoro do Consello da Cultura recolle máis de 500 rexistros que van dende a natureza á actividade humana

22 dic 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

¿Como soa o río Miño? A resposta atópase no Mapa Sonoro de Galicia, un proxecto do Consello da Cultura, que entre os máis de 500 rexistros auditivos inclúe varios documentos que permiten achegarse co oído ao gran río galego. Así, é posible escoitar o rumor da auga, aínda que non se vexa na superficie, no pedregal de Irimia, e ir baixando o seu curso a través de diversas gravacións: as burbullas nas termas luguesas, o zunido dos transformadores en Belesar, as pozas da Chavasqueira e os seus usuarios, a paisaxe subacuática nas pesqueiras de Arbo -grazas a micrófonos mergullados-, a desembocadura no Atlántico: ondas, paxaros, barcos. 

Variedades dialectais

O do Miño é un bo exemplo da variedade que se pode atopar no Mapa Sonoro, que documenta a natureza de Galicia, pero sobre todo a presenza humana. A sección A nosa fala céntrase nas variedades dialectais da lingua, mentres que a tradición oral conta con dous apartados, un que recolle contos e lendas gravados en centros de maiores, e outro consagrado aos cantares antropolóxicos das montañas do Lor e as terras de Quiroga.

Unha ficha detallada axuda a contextualizar a escoita da gravación, á que se pode acceder dun xeito práctico a través dun mapa que sitúa en cadanseu lugar os rexistros. Ademais dos documentos que custodia o Consello da Cultura no Arquivo Sonoro, outras institucións poden dar a coñecer o seu patrimonio mediante este mapa.

A coordinación do Mapa Sonoro é de Manuel Gago, mentres que a do Arquivo Sonoro é responsabilidade de Cristina Pujales Prats. A técnica de son é Bea Pérez Mosquera e o deseño correu a cargo de Miguel Alonso. O desenvolvemento foi de Sixtema.

O obxectivo último do Mapa Sonoro é explorar a diversidade cultural de Galicia a través do audio nas categorías que o dividen.