«Cereixa será un referente no estudo da cerámica medieval»

Francisco Albo
fRANCISCO ALBO MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

CEDIDA

Alonso falará hoxe en Monforte sobre as investigacións arqueolóxicas da Pobra do Brollón

16 dic 2017 . Actualizado a las 19:14 h.

O arqueólogo Francisco Alonso, natural de Marín, está estudando as mostras de cerámica medieval que aparecen nas escavacións do castro de San Lourenzo de Cereixa, na Pobra do Brollón. Hoxe dará unha conferencia -ás 20.00 horas- na ferraxería Electroclima, no barrio monfortino da Estación, na que falará destas investigacións e mostrará diversas pezas arqueolóxicas.

-¿Que importancia ten este xacemento para o estudo da cerámica medieval?

-Sen dúbida vai ser lugar moi destacado e un referente no conxunto de Galicia porque están aparecendo moitos materiais de diferentes épocas que permiten ver como foi evolucionando a alfarería ao longo dos tempos. A cerámica medieval está aínda moi pouco estudada en Galicia e encontrar un xacemento como este é moi importante. Estes materiais poden proporcionarnos informacións de moito interese sobre a vida doméstica na Idade Media e tamén sobre as redes comerciais da época, porque algunhas vasillas proceden doutros territorios.

-¿Que tipo de vasillas están aparecendo?

-Hai un pouco de todo: xarras, olas, cuncas... Hai recipientes de uso doméstico moi variados, excepto pratos, pero iso é algo que sucede en toda Galicia, onde non se coñecen pratos de cerámica da época medieval. O máis probable é que nesa época todos os pratos estivesen feitos de madeira.

-¿Por que se están encontrando tantas pezas nese lugar?

-Iso é algo moi curioso, porque ata agora no recinto do castro non apareceron restos de vivendas medievais. O que se encontrou foron vestixios dunha igrexa e un cemiterio desa época. Unha hipótese que manexamos é que os antigos veciños de Cereixa levaban eses recipientes para comer e beber nas romarías que se celebrarían xunto á igrexa. Ou simplemente para comer no adro da igrexa xunto cos outros veciños cando ían oír as misas. Por outro lado, algunhas destas vasillas apareceron en tumbas e nese caso é posible que se tratase de ofrendas para os defuntos.

-¿Iso era unha prática habitual?

-Hai outros enterramentos medievais nos que apareceron vasillas e nalgúns casos encontráronse incluso restos de alimentos. Iso non é fácil que suceda en Galicia porque o terreo ácido non permite conservar ben os restos orgánicos. Pero nalgúns enterramentos do País Vasco, por exemplo, hai vasillas con ósos de polo.

-¿Esta cerámica ten algunha característica propia que a distinga das doutros lugares?

-Unha boa parte destas pezas distínguese por ser dunha coloración marrón ou ocre. Creo que esa tonalidade é debida ao uso de arxilas locais e que estas pezas foron fabricadas na comarca. No resto de Galicia, a cerámica medieval é de cor gris. Só en Samos e no xacemento de Cova Eirós apareceu algunha cerámica medieval parecida a esta.

-¿Hai pezas que se asemellen á cerámica de Gundivós?

-Hai fragmentos do que parece ser unha xarriña que presentan certo parecido, pero hai que estudar mellor esa peza e por agora non se pode afirmar nada. De todas as cerámicas tradicionais galegas, a de Gundivós é a que presenta un maior parecido coa tipoloxía da cerámica medieval. Pero en realidade non se sabe cando comezou a fabricarse a olaría típica de Gundivós. Para iso habería que facer unha investigación arqueolóxica no propio lugar. Iso é algo que non se fixo aínda en ningún dos centros tradicionais da olaría galega, nin en Gundivós, ni en Samos, nin en Buño... Noutros lugares, como Asturias, si que se fixeron estudos sistemáticos e conseguiuse saber cando se orixinaron os tipos tradicionais de cerámica.

-¿Por que se escolleu unha ferraxería para ofrecer unha conferencia sobre arqueoloxía?

-A idea está relacionada cunha das liñas básicas deste proxecto, que consiste en achegar os coñecementos arqueolóxicos á cidadanía dunha maneira divertida e próxima. Non é algo incongruente, porque ao fin e ao cabo a conferencia trata sobre antiguos utensilios domésticos e unha ferraxería é un lugar onde a xente adquire útiles de uso cotián. Os asistentes serán convidados a un viño e unhas tapas.