«No Courel, o lume dos bosques pode alcanzar as casas, como nos Ancares»

Francisco Albo
francisco albo QUIROGA / LA VOZ

LEMOS

OSCAR CELA

18 oct 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

O enxeñeiro de montes José Manuel Blanco, natural do Courel, aínda non puido ver sobre o terreo os efectos do recente incendio na parroquia de Meiraos, pero opina que o sinistro contribuirá sen dúbida á degradación do patrimonio natural da serra.

-¿Que efectos pode ter o incendio na área afectada?

-Querería puntualizar primeiro que opino a título persoal e como veciño do Courel. O dano ambiental é moi serio en calquera caso, porque esa zona está no val do río Pequeno, que é unha área de máxima protección dentro da Rede Natura. Ten unhas importantes comunidades vexetais de reboleiras, xesteiras e uceiras, pero na miña opinión, en casos como este non é tan importante a perda desas comunidades vexetais concretas e a extensión da superficie afectada como a ubicación dos terreos queimados.

-¿Por que motivo?

-Como ocorreu no incendio que houbo en abril entre Seoane e Moreda, trátase de áreas de moito valor ambiental e con solos en pendente. A perda da cobertura vexetal deixa eses terreos moi expostos á erosión e á degradación dos solos. Nas ladeiras orientadas ao sul o problema é aínda máis grave, porque ao estar máis expostas ao sol e ao ser máis secas é moito máis difícil que se rexenere a vexetación perdida nos incendios. E ademais está o problema do arrastre das cinzas, que pode contaminar o río Pequeno.