«Nunca se leu moito máis do que agora»

Eva Fernández / C.C. MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

PACO RODRÍGUEZ

A poeta Yolanda Castaño oficiará o pregón que dará comezo a unha nova edición da feira do libro de Monforte

23 ago 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Hoxe inaugúrase a feira do libro de Monforte, que se celebrará ata o sábado. Os postos da rúa do Cardeal abrirán co pregón da escritora compostelá Yolanda Castaño ás sete da tarde. Esta poeta, un referente das letras galegas que publicou o seu primeiro libro con tan só dezasete anos, visita a cidade do Cabe e reflexiona sobre o panorama literario destas terras.

-¿Que temas vai tratar no pregón do xoves?

-Será un percorrido por Monforte e polos seus escritores e escritoras, tanto nadas na cidade do Cabe como chegados a ela. Todo isto entendendo este lugar como un cruce de camiños e de vías.

-¿É a primeira vez que visita Monforte?

-Non, é raro o ano que non paso por Monforte para compartir o meu traballo poético. Aquí celébranse recitais de poesía, obradoiros literarios e mesmo teño participado noutras edicións da feira do libro presentando algunha das miñas obras.

-¿Que é o que máis lle gusta da cidade do Cabe?

-Aquí dáse unha mestura moi interesante. Por un lado temos a arquitectura e a paisaxe urbana, moi interesantes, e por outro a contorna e a natureza. Tamén me atraen moito a gastronomía e a veciñanza. As xentes de Monforte son moi acolledoras e encantadoras.

-¿Qué escritores destacaría das Terras de Lemos?

-Sobre todo como poetas subliñaría a Antón Lopo e Alicia Fernández. Antón é un dos autores en activo de maior talento e ademais é un inquedo editor e promotor cultural, agora coa editorial Chan da Pólvora e mesmo cun proxecto bastante novidoso e sorprendente entre mans como é unha colección adicada a autores da Ribeira Sacra. En canto a Alicia Fernández é unha das voces máis renovadoras da poesía galega. É un xenio precoz da poesía, con moi poucos anos xa demostrara ter un talento inusual e unha voz moi persoal. Actualmente está moi implicada na renovación das letras en Galicia a través de diversos proxectos.

-Recentemente participou nunha homenaxe a Lois Pereiro, o poeta monfortino por excelencia, ¿Atopa algún punto común entre a obra de Pereiro e a súa?

-Eu tiven a inmensa sorte de poder escoitar un dos últimos recitais de Lois Pereiro cando era moi noviña e quedei moi impactada. En parte polo moza que era pero, sobre todo, por aquela forza poética. Creo que Lois simbolizou toda a forza da Terra de Lemos e espallouna por Europa a través das súas viaxes e a súa visión moderna e cosmopolita.

-¿Cal é, a seu xuízo, o nivel da actividade literaria e cultural de Lemos?

-Véxoa como unha gran canteira poética e liteararia. No meu pregón menciono a moitos escritores para dar conta do enormemente fértil que é esta terra a nivel literario. Poderiamos nomear a Lois Patiño, Xosé Manuel Eyré, Lois Diéguez, Margarita Rodríguez Otero, Ramón Sandoval, Germán Vázquez, Manuel Veiga... a lista é imparable. Asimesmo, hoxe en día hai iniciativas como a última colección de Antón Lopo que amosan que Lemos non claudica. Incluso nas miñas visitas ao IES A Pinguela puiden comprobar que entre os máis novos de Monforte tamén hai unha incesante actividade cultural, científica e tecnolóxica.