«Quería expresar con palabras un sentimento universal: a perda»

Eva fernández / c.c. MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

MARCOS MÍGUEZ

O escritor opina que a morte se converteu nun tema tabú que se está a desterrar da vida cotiá en múltiples formas

07 jul 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Despois de cinco novelas, este ano o escritor e xornalista chantadino Afonso Eiré publica A morte do meu pai. Neste libro, Eiré dialoga co seu pai e fai un percorrido pola vida deste, ingresado no Hospital Comarcal de Monforte despois de sufrir un accidente.

-¿Como xurdiu a idea de escribir unha novela con esta temática?

-Empecei a escribir esta novela hai un ano e medio, e ocorréuseme despois de ler As últimas galerías, de Xosé María Álvarez Cáccamo. Nesta obra o autor dialoga coa súa nai e rememoran sucesos do seu pasado. O meu pai falecera seis meses antes e a morte presentóuseme como un tema moi interesante e que apenas se tiña tratado na literatura galega.

-¿Cal era o seu obxectivo principal cando se propuxo escribir A morte do meu pai?

-Quería expresar con palabras un sentimento universal, a perda dun ser querido, e que calquera persoa que tivese pasado por iso se vise reflectida nelas.

-¿Que lle pareceu máis complexo, mirar ao pasado nas súas obras de investigación ou mirar ao seu propio pasado nesta?

-Para os meus libros de investigación tiven que facer un gran labor de documentación e sentíame menos libre ao escribir porque tiña que adaptarme aos feitos Nesta novela non miro ao meu pasado, senón que traio os meus recordos ao presente. Foi unha experiencia moi dura porque, como dicía Kafka, para iso tes que revivir as túas emocións, volver sentilas para ser capaz de transmitirllas ao lector.

-Por outra banda, tampouco renuncia a facer un repaso dalgúns acontecementos da historia do século XX.

-Nos seus últimos días, o meu pai lembra os episodios que marcaron a súa vida. Sendo aínda un adolescente, viviu a caída da Segunda República e combateu na fronte durante a Guerra Civil, onde estivo a piques de morrer tres veces. Indubidablemente, tamén foron momentos moi significativos para o país.

-¿Asumiu a creación deste libro como unha terapia despois da morte do seu pai?

-A pesar de que no prólogo Marcial Gondar cre que podería selo, nada máis lonxe da realidade. Tampouco o entendo coma unha homenaxe. Para min non foi agradable revivir a morte do meu pai e, sobre todo, os sentimentos asociados a ela. Se mo propuxese como unha terapia agora podería dicir que non funcionou.

-¿Que trato cre que recibe a morte na sociedade actual?

-A morte converteuse nun tabú, e vaise levando progresivamente fóra da vida diaria. Se en Galicia se trataba de algo moi presente na cultura popular, esta mentalidade está a cambiar. Un exemplo disto atopámolo nos velorios. Se antes todos se facían no domicilio do defunto, agora a maioría organízanse en tanatorios situados nas aforas das cidades.

-¿Como están a recibir o público e a crítica o contido auto-biográfico da novela?

-Están a chegarme boas críticas literarias e o público está a responder moi ben. Recibo mensaxes de agradecemento de xente que se viu nunha situación similar á miña e ás que o libro lles axudou a encaixar esa perda dalgunha maneira.

-A portada é obra do artista chantadino Lomarti. ¿Como xurdiu esa colaboración entre pintor e escritor?

-A miña primeira idea non era a de crear algo expresamente para o libro. Sopesei distintas ideas para a portada: fotos de esculturas funerarias, cadros clásicos... Un día ocorréuseme encargarlle o traballo a un pintor e o nome de Lomarti foi o primeiro que me veu á mente. É un artista moi versátil e despois de ler o libro fixo esta interpretación.

-¿Prepara algunha outra novela?

-Antes de empezar a escribir A morte do meu pai tiña dous ou tres títulos novos en mente sen definir. O certo é que estiven investigando sobre a actividade dos servizos secretos en Galicia durante a década dos anos setenta, e pode que o meu próximo traballo trate ese tema.