Un título para o souto de Novoneyra

Carlos Cortés
carlos cortés MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

Carlos Rueda

Entran na guía de árbores senlleiras os castiñeiros favoritos do autor de «Os Eidos»

04 jul 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Entre os seus castiñeiros varias veces centenarios correu mil veces o Uxío Novoneyra neno. Alí volvería moitas veces máis o autor de Os Eidos, xa adulto, para pasear aos seus amigos escritores. No coidado souto da Ruibal éralle máis doado explicarlles o que era O Courel. Este conxunto de castiñeiros, tamén coñecido como souto do Poeta, vai ser o primeiro do municipio de Folgoso do Courel que forme parte do catálogo oficial de árbores senlleiras de Galicia.

Carlos Rueda

Decidiuno hai uns días a Consellería de Medio Ambiente, que está a traballar na nova versión desta guía oficial que recolle as árbores que máis paga a pena conservar e visitar. A Xunta responde así por fin a unha solicitude presentada hai aproximadamente dous años pola fundación Uxío Novoneyra, creada no 2011 cos obxectivos de difundir o legado deste poeta e defender do medio ambiente da Serra do Courel. «O souto da Ruibal -explica Uxío Novo Rey- é como un piloto de como conservar e facer sustentable un conxunto de castiñeiros centenarios con valor cultural, medioambiental e educativo».

O que o fai único

Ao redor da aldea de Parada, na que naceu Uxío Novoneyra a súa fundación ten a súa sede, hay unha gran extensión de castiñeiros repartidos en diferentes soutos. Pero o da Ruibal ten varias cousas que o fan único. Novo, fillo de Uxío Novoneyra e secretario da fundación, conta para empezar que as súas características físicas son excepcionais. Simplemente porque é o único souto está do Courel que está nunha chaira, unha auténtica rareza nun territorio tan montañoso como este. «Sempre dicimos -conta Uxío Novo entre risas- que este souto é o único lugar do Courel no que se podería construír un campo de fútbol».