Unha montaña cada vez máis poboada de libros

Francisco Albo
fRANCISCO ALBO QUIROGA / LA VOZ

LEMOS

Este mes sumáronse dúas novas obras á bibliografía sobre a Serra do Courel, que comprende decenas de títulos

10 nov 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

No que vai de mes foron presentados dous novos libros sobre a Serra do Courel. Un deles é o estudo histórico O Courel bajo la cruz de Santiago, de Jesús Río Ramilo, e o outro, O libro do Courel, de Sonia María García. Estes títulos veñen aumentar unha bibliografía que non deixou de crecer desde finais do século pasado e que hoxe permite coñecer múltiples aspectos deste territorio a través da letra impresa.

 

Guías xerais. Ata os anos noventa non se podían encontrar guías práticas para os visitantes da serra. Unha das primeiras foi As montañas de Galicia, publicada en 1993 por Enrique Vélez e Carmen Pereiro, que non se dedica exclusivamente á zona pero que lle reserva unha parte do seu contido. No mesmo ano publicouse O Courel y su comarca: su historia, sus paisajes, sus gentes, de Luis López Pombo. En 1998 apareceu Caminando por la sierra del Caurel, de Antonio Neira, natural da comarca e fundador da Federación Galega de Montañismo. Nese mesmo ano editouse unha Ecoguía de las sierras de Ancares y Courel, de Xosé Manuel Santos Díaz. O mesmo autor publicou no 2002 outra guía, O Courel, a serra das aldeas de lousa, que tamén tivo unha edición en castelán. Ao ano seguinte saiu do prelo O Courel, de Mercedes Vázquez Saavedra. No 2005, a desaparecida Asociación Río Lor editou conxuntamente con este diario a guía Camiños do Courel, de Carlos Rueda, que tamén describe rutas por varios municipios limítrofes. A achega máis recente neste apartado é a Guía de O Courel de Javier Guitián, Luis Guitián e José Luis Martínez Vilar, publicada no 2009.

 

 

Natureza. En 1985 a Universidade de Santiago editou o libro Estudio del medio natural de las montañas gallegas: O Courel, un amplo traballo realizado por varios investigadores baixo a coordinación de Francisco Guitián Ojea. Cinco anos despois, a Universidade de Vigo publicou Flora liquénica epífita de la Sierra del Courel, un estudo especializado de Josefina Alvares Adres. En 1996 apareceu El Caurel, las plantas y sus habitantes, do biólogo Emilio Blanco Castro, unha obra que estuda os usos tradicionais da flora da zona. Dirixíndose a un público máis amplo, o naturalista Xurxo de Vivero publicou en 1997 Un ano no Courel, que describe o medio natural, a flora e a fauna da serra ao longo das estacións. Un ano despois apareceu Los ríos de O Courel paso a paso, de Isabel Martínez e Antonio Castaño. No 2004 publicouse a Guía de las aves de O Caurel, de José Guitián e Ignacio Munilla, a primeira obra dedicada á avifauna da zona. O ano pasado apareceu a guía máis completa da flora deste territorio, Las plantas de la sierra de O Courel, de Javier Guitián. Este autor publicou tamén no 2014 A flora de ‘Os eidos’, unha guía baseada nas referencias á vexetación autóctona que figuran na obra poética de Uxío Novoneyra.

 

Arqueoloxía e historia. O traballo máis amplo sobre o patrimonio arqueolóxico da serra é El Caurel. Excavaciones arqueológicas en España, escrito por varios autores e publicado en 1980 polo Ministerio de Cultura. En 1996 publicouse El castillo del Caurel, de Julio Vázquez, un estudo sobre o castelo medieval de Carbedo.

 

 

Etnografía. No 2007, Jesús Alfonso Parada publicou Usos, costumes e cousas do Courel. Catro anos despois apareceu unha continuación desta obra, Lembranzas do Courel.

 

 

Música. No ano 2000, Xosé Lois Foxo publicou o primeiro volume do libro-disco Músicas do Caurel, ao que seguirían outros dous.

 

 

Gastronomía. A obra Cociña galega de montaña, publicada no 2007 por Gloria Gallego, está dedicada en boa parte ás tradicións culinarias do Courel.

 

Poesía e narrativa de autores locais e foráneos

A entrada das terras do Courel no mundo da literatura produciuse nos anos cincuenta coa aparición de Á lus do candil, de Ánxel Fole, e Os Eidos, de Uxío Novoneyra. En 1974 sumouselles o libro Primavera no Lor, de Eduardo Moreiras. Nos últimos anos a literatura inspirada neste territorio aumentou coas obras narrativas de Xesús Manuel Marcos -como a serie de novelas xuvenís O brindo de ouro- e con libros de poemas como A cor das uces e A delgada voz dos marxinados, de Jesús Alfonso Parada, e Prenderei a lareira e Aldea viva, de Vicente Reboleiro. A Serra do Courel tamén aparece nas obras infantís O apalpador, de Xoán G, A princesa do Caurel, de Patacrúa e Javier Solchaga, e Dragóns no Courel, de Francesca López da Silva. O territorio é ademais o escenario da novela Na maleta, de Xurxo Borrazás, e do libro de relatos en castelán Juegos al anochecer, de Vicente Touzón Veiga