Os mozos de Acción Católica que non querían o número 13

alfredo pardo CHANTADA

LEMOS

ARQUIVO ALFREDO PARDO

O asociacionismo relixioso cobrou forza na Chantada dos anos previos á Guerra Civil

30 oct 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

O 11 de outubro de 1932 créase en Chantada un centro parroquial de Juventud Católica, definido polos propios fundadores como integrado no «máis fervente espírito de adhesión ao Poder constituído». Os seus obxectivos eran formar intelectual e moralmente aos mozos nos principios da relixión católica, habitualos á profesión da fe e educalos no cumprimento dos seus deberes individuais, sociais e cidadáns, ademais de facilitarlles a realización de actividades deportivas e a creación de «círculos de estudos».

Na Juventud Católica de Chantada estaba sempre presente a figura do consiliario eclesiástico. Modesto Vázquez López é nomeado polo bispo e elixido presidente con carácter provisional durante o bienio de 1933 e 1934. A función principal do mesmo é «tomar parte en todas as deliberacións da xunta directiva e orientar a marcha da mocidade».

O 18 de decembro de 1932 procédese á constitución da acta de fundación e xunta directiva, un acto ao que asisten Modesto Vázquez López, Ángel Gómez Montero (que foi elixido presidente con 21 votos), José Rodríguez Cabo (vicepresidente, 18 votos), José María Fernández (secretario, 15 votos), Luis Costa González (vice-secretario, 21 votos), Julio Varela García (tesoureiro, 22 votos), e os vogais Ramón Blanco Regal, José Couceiro Villamarín, Orestes González Fernández, Ramón Rodríguez Fernández, Ramón Arias Gay, Ernesto Fernández Vázquez, Jesús Otero Soto, Celestino Fernández Noguerol, Antonio Otero Rodríguez, José Otero Arce, Antonio Lorenzana, Sergio Lorenzana, Cándido Fernández, Manuel Blanco Regal, Valentín Rodríguez Cabo e Manuel Diéguez Fernández.

Novo presidente

O 3 de xaneiro de 1935, xa co domicilio social no número 2 da rúa Mártires de Sobredo, o secretario Rafael Otero Soto, informa ao gobernador civil de Lugo da nova xunta directiva, que fora elixida o mes anterior. O presidente pasaba a ser Luis Costa González, o vicepresidente José Diéguez Méndez, o vicesecretario Aurelio Vázquez Ansoar, o tesoureiro Julio Varela García e os vogais Ernesto Fernández Vázquez, Manuel Nodar López, Juan Fernández López e Casiano Taboada González.

Gastos e ingresos

O total de ingresos na sociedade ao 1 de febreiro de 1935 ascendía a 594,75 pesetas. Os gastos ascendían a 529,10 pesetas, así que había un saldo positivo de 65,65. Naquel momento, tiñan 83 socios, aínda que na listaxe oficial o máis recente tivese o número 84. O 13 quedara sen asignar por unha cuestión máis que divina, supersticiosa. Un ano despois, os gastos eran xa de 631,35 pesetas e os ingresos non pasaban de 485,95, de maneira que a entidade tiña xa un saldo en contra.

En marzo de 1936, celebradas xa as eleccións que levarían á esquerda ao poder, a xerarquía eclesiástica empeza a tomar posicións. O día 19 de marzo Luis Costa recibe unha notificación de Manuel Ojea Otero, presidente provincial dese colectivo, que o informa de que lle ten que cambiar o nome á agrupación local, que pasará a charmarse Centro Interparroquial de Juventud Masculina de Acción Católica, «que forma parte da Juventud Católica Española e acepta a superior dirección e o estatuto fundamental da mesma».

Vida intelectual

Iso sí, nos obxectivos non había grandes cambios. Os novos estatutos recollían como fin última «informar a vida intelectual e moral dos mozos, nos principios da relixión católica, habituándoos á profesión franca e sincera da súa fe. Educalos praticamente no cumprimento dos seus deberes individuais, sociais e cidadáns, e capacitalos para a súa futura actuación profesional e cooperativa, segundo os principios do Evanxeo e as normas da Igrexa. Manter neles vivo e eficaz o espírito de amor, adhesión e obediencia á Santa Sé e ao Episcopado Español. Protexer á conciencia xuvenil contra os perigos que ameazan á súa fe e bos costumes. Exercitar ao apostolado social e cooperar do modo que lle é propio á Acción Católica xeral».

Os socios de Acción Católica clasificábanse en diferentes categorías en función, entre outras cousas, da súa idade. Os maiores de 7 anos pero menores de 16 eran «aspirantes», e entre os 16 a os 30 anos pasaban a numerarios.

O círculo dos propagandistas da moral

As agrupacións locais de Acción Católica estaban internamente divididas en círculos con funcións ben diferenciadas. Estaba por exemplo o círculo de estudos apoloxéticos, que tiña por obxecto «o ensino aos mozos da doutrina moral e cristiá (...), así como a formación de catequistas para atender á catequese parroquial». Estaba restrinxido aos maiores de 12 anos. Máis difícil aínda era pertencer ao círculo de estudos propagandistas, vetado para calquera que non fose socio de número. Tiña por finalidade «a formación dos mozos para estender e propagar as ideas católicas sobre diferentes materias», como dogma e moral, a historia da Igrexa ou o concepto cristián da familia, o traballo e a propiedade.

Os cursos para os integrantes de Acción Católica comezaban a principios de outubro e terminaban a mediados de abril. Cando as circunstancias o permitían creábase un círculo de estudos para ensino obreiro nunha escola nocturna. E como actividades de lecer axeitadas para os socios, os estatutos propoñían organizar grupos de canto para cerimonias relixiosas, unha sección deportiva para xogar ao fútbol ou tenis e outra artística para organizar veladas, concertos, excursións e ornamentación en actos públicos.

E en canto, ao omnipresente «consiliario eclesiástico», representa á autoridade da Igrexa e vela porque os socios as executen de maneira «fiel e dócil».

Cincuenta céntimos ao mes

O centro chantadino de Juventud Católica compoñíase de socios de número cunha cota mensual de cincuenta céntimos e podían inscribirse «todos aqueles mozos calquera que sexa o seu estado e condición, que, observando boa conduta moral e relixiosa e cumprindo 16 anos, soliciten a súa inscrición no Centro, levando a firma dun socio, aspirantes (ter cumpridos os 12 anos), protectores e honorarios». Na imaxe, o selo da Juventud Católica. foto ARQUIVO ALFREDO PARDO