Así se forxou o escudo

alfredo pardo CHANTADA

LEMOS

A divisa do municipio está baseada nas armas do marquesado de Astorga

02 oct 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Co lema «Chantada corazón de Galicia» xa perfilado en 1967, o Concello púxose a traballar nun regulamento de honrras e distincións para dispor, entre outras cousas, de escudo heráldico oficial. Nove anos despois, en 1976, encárgalle a «Ánxel Gómez Montero, Eduardo Seijas Vázquez ou aos dous conxuntamente» un informe que debía incluír probas testificais, un deseño e unha consulta á Real Academia Galega respecto da posibilidades de que o municipio poida adoptar o escudo do marqués de Astorga, conde de Altamira e señor de Chantada.

Ese escudo conta con «dous lobos pasantes en gules (vermello vivo), un encima do outro en campo de ouro, sobre tres bandas de azur (azul intenso) en fondo de prata, dos Osorio (apelido do marqués de Astorga). No cuartel inferior, en campo de prata, unha cabeza de lobo en sabre (negra) lamparada de gules (vermello) e degolada dos Moscoso (apelido do conde de Altamira). Na bordura oito castelos de ouro en fondo de gules cun león en gules e fondo de prata dos Enríquez», segundo a descrición do ensaio de Avelino Vázquez Seijas titulado Chantada y el señorío de los marqueses de Astorga (1966), mencionado no informe elaborado polo profesor e intelectual Ánxel Gómez Montero e o seu curmán, o fiscal Eduardo Seijas Vázquez, por encargo do Concello. Esas pezas, xuntas ou separadas «prodíganse extraordinariamente na heráldica galega, adornando bo número de igrexas, pazos e castelos salpicados por toda a xeografía rexional: San Luorenzo de Trasouto, Vilanova de Lourenzá, Sarria, Monforte e cen máis», engade o autor.

No seu libro, Avelino Vázquez Seijas explica que «a noticia máis antiga, referente á nosa divisa remóntase aos últimos anos do século XV. En 1498 a Condesa de Altamira, dona Urraca de Moscoso, outorga testamento e ordena que na súa capela de San Domingos de Bonaval se graven, xuntamente coas súas, as armas pertencentes á Casa de Villalobos, do seu esposo don Pedro Osorio. En cumprimento do mandado pola condesa, na capela maior daquela igrexa aínda perduran na actualidade, á beira da Epístola e do Evanxeo, dous sepulcros de fina labra, con múltiples escudos análogos ao descrito».

«É entón -prosegue o texto- cando por vez primeira, aparecen asociados en heráldica as insignias de Osorios e Moscosos. Don Pedro Osorio, esposo da condesa, foi irmán do primeiro marqués de Astorga e un dos tres grandes xefes da revolta irmandiña, con Diego de Lemos e Diego de Lanzós. Despois de combater aos nobres e derrubar fortalezas, renunciou aos seus ímpetos revolucionarios para celebrar nupcias coa filla e herdeira do conde de Altamira, esforzado capitán do bando contrario».

Irmandiños e nobres

Avelino Vázquez Seijas cre que esa mestura lle proporciona ao escudo local un valor simbólico: «A Gran Irmandade atopou nesta terra un bo escenario para as súas andanzas. Os lobos pasantes de don Pedro e a cabeza do lobo de dona Urraca constitúen unha curiosa expresión das ansias populares en cordial alianza coas altiveces nobiliarias».

En Chantada y el señorío de los marqueses de Astorga, o seu autor describe como en 1698, «dous séculos despois de outorgado aquel testamento, entroncaron novamente ambas as liñaxes mediante a ligazón matrimonial de dona Ana, neta e sucesora do marqués de Astorga, co conde de Altamira. E é nese momento, seguramente, cando o concello de Chantada adopta, con variantes, os escudos de Bonaval que, xa timbrados coa coroa do marquesado, habían de ser, en diante, a divisa municipal, aínda que para iso fose preciso brisar as armas, diminuíndo a faixa a un simple ceñidor e elevando a oito o número de escudetes que cargan a bordura».

Pero o informe elaborado tras o encargo municipal de 1976 non alude unicamente a fontes por escrito, senón que inclúe cinco testemuñas persoais de veciños.

Román Gómez Montero de 82 anos e industrial, afirma «que sobre o ano de 1908 restaurouse en parte a pintura das paredes do salón de sesións do Concello de Chantada, que no seu teito había ou se pintou un escudo no que aparecían no seu parte superior dous lobos e na inferior unha cabeza de lobo, que o dicente cooperou axudando no traballo ao pintor que lembra chamábanlle o Tenor. Lembra tamén que polo ano de 1916 o semanario Fidalguía «tiña o debuxo do mesmo escudo que se dicía era e tense polo de Chantada, que como industrial ten propagado ese escudo en pratos de cerámica e en etiquetas».

Pola súa banda, Ramón Losada Rodríguez, de 58 anos, lembra «que o seu defunto pai D. Ramón Losada Fernández, tiña na súa sastrería unhas tiras de tea, co escudo de Chantada e rotuladas ‘R. Losada-Chantada’ para colocar como etiqueta do seu establecemento no forro das chaquetas. Que esas etiquetas veñen utilizándose desde o 1925, que o seu pai adquiriunas por medio dun viaxante de comercio (J.V. Tobarra de Valencia), que as encargaba a unha casa de Viena».

A bandeira dos exploradores

Modesto Lorenzana López de 78 anos, «lembra da súa nenez que por veciños de Chantada tíñase polo seu escudo o do marqués de Astorga, con dous lobos no cuartel de arriba e unha cabeza de lobo no cuartel de abaixo. Que pertenceu á Agrupación de Exploradores de España de Chantada da que foi abanderado polos anos de 1916 e seguintes, que cando se disolveu a organización o que di gardou e conservou no seu domicilio a bandeira, coas cores nacionais de raso de seda, que no anverso tiña o escudo de España e no reverso o de Chantada. Que cando se iniciou o Movemento, no ano de 1936 fixo entrega desa bandeira ao Concello ignorando agora que foi dela».

Luís Campo Fernández, de 68 anos, recordaba ter visto de neno «sobre os anos de 1914-15, que no teito do salón de sesións do Concello de Chantada, aparecía pintado un escudo que era igual ao que en 1916 apareceu debuxado nun semanario que se publicaba en Chantada titulado Fidalguía; que algúns anos despois por mor de darlle máis altura ao salón de sesións e da realización doutras obras na casa consistorial, borrouse ese escudo. Que ten oído dicir por aquelas datas a persoas maiores, que ese escudo adoptárao o Concello de Chantada, porque significados elementos representativos se colleran do entón marqués de Astorga e conde de Altamira, cuxos títulos tiveran o señorío de Chantada, interesándolle datos referentes a cal puidese ser o escudo de Chantada e que a Casa do Marqués, contestou facilitando eses datos. Que nos anos de 1917 e seguintes existiu en Chantada a institución de Exploradores de España á que pertenceu o dicente, tiña unha bandeira de España de raso de seda e bordados dous escudos, un no anverso o de España e outro ao reverso o de Chantada, e este último era segundo os datos facilitados polo Marqués de Astorga. Que sendo o dicente alcalde de Chantada nos anos de 1944 a 1949, encargou e dispuxo a colocación dese escudo en bronce encaixado na parede de pedra do salón de sesións e desde entón se timbrou o papel que utiliza o Concello con ese escudo, así como o selo que se utiliza».

Preguntarlle ao marqués

Por último, Jesús de Soto Lemos, que daquela tiña 79 anos de idade, aseguraba lembrar que moito tempo atrás «unhas persoas de Chantada dirixíronse á Casa do Marqués de Astorga que era patrón da parroquia de Chantada, interesándolle datos do escudo que puidese ser deste Concello ao que contestou, indicando que ao seu xuízo, estaba formado por dous lobos pasantes un encima doutros dos Osorios e no cuartel inferior unha cabeza de lobo dos Moscoso, e uns escudetes na bordura. E que así figurou despois na portada dun semanario local titulado Fidalguía, e nunha bandeira de España da institución dos Exploradores, á que pertenceu o dicente como instrutor».

 

O escudo

O manuscrito mecanografado orixinal describe un escudo «cortado por un ceñidor de prata, cargado con tres bandas de azur (en heráldica é a pintura de cor azul intensa ou escuro gravado en liñas horizontais moi espesas). En xefe, dous lobos pasantes (camiñando), de gules, colocados en pau, sobre campo de ouro. En punta, unha cabeza de lobo, sabre, arrancada e linguada de gules, sobre campo de prata. Bordura do mesmo metal, sobremontada con oito escudetes que levan as armas de Castela e de León. Timbrado con coroa de Marqués».

A medalla

Aquel informe explicaba que a medalla do Concello de Chantada «terá forma de óvalo alongado, en sentido perpendicular; ostentará no centro do anverso, en relevo e con incrustacións de esmalte fino, o escudo heráldico do Concello, orlado coa seguinte inscrición: ‘O Concello de Chantada’. No reverso levará gravados o nome e apelidos do interesado», ademais da data na que lle foi oficialmente concedido este galardón municipal.