Modesto Fernández, José Luis Valcarce, Andrés Dobarro... son algúns dos nomes vencellados á existencia da coral chantadina, que hoxe conmemora os seus primeiros cincuenta anos
09 nov 2014 . Actualizado a las 14:31 h.crónica cincuenta aniversario da coral polifónica
A coral polifónica de Chantada celebra hoxe os seus cincuenta primeiros anos de existencia. A historia desta agrupación está unida aos nomes dos seus integrantes e das persoas que fixeron posible a súa creación e posterior consolidación. O primeiro deses nomes ten que ser o de Modesto Fernández Rodríguez, o seu impulsor fundamental e primeiro director. Nado como segundo de catro irmáns o 17 de marzo de 1931 na parroquia de San Paio de Diomondi (O Saviñao), o pequeno Modesto Fernández escapaba das tarefas do campo e prefería concentrarse na paixón pola lectura. Un rato de biblioteca que oculto entre as mantas da cama establecía unha fronteira imaxinaria para intentar disipar as preguntas duns pais preocupados polo futuro do seu fillo. «Eu quero ser cura!», contestou inesperadamente.
Comezou a estudar en Burgos aos 12 anos, pero a súa saúde sufre coa distancia e a soidade, así que en 1944 volve e matricúlase no Seminario de Lugo. Entra ao xardín do saber con humanidades, filosofía e teoloxía encadeando a ritmo de música co mestre de capela Juan Moreno Fuentes. A vontade harmoniosa de Modesto convérteo en organista oficial do seminario, profundando nas labirínticas rúas sinfónicas da teoría instrumental e composición. Na lutuosa melodía da orfandade e tras acabar a carreira eclesiástica, oficia en Diomondi o primeiro culto acompañado de amigos e familiares. O seu posterior destino como sacerdote sería a parroquia de San Martín da Ribeira, no municipio de Cervantes. A súa irmá maior acompañaríao na vida segrar toda a súa existencia.
Nace a academia O Cantón
Coa sucesión temporal de sons harmónicos, nos anos setenta trasládase de presbítero a Chantada, onde esperta a súa vocación docente e obtén en 1975 o título de diplomado en profesorado de Educación Xeral Básica, e exercendo como profesor de relixión en Formación Profesional e como oficinista na autoescola Román. En 1982 funda a academia O Cantón, xunto con Modesto «Tito», Esperanza García Méndez, Mariluz Otero Meijide e Eva Prado Losada. En 1994 contrae matrimonio con Eva Prado , coa que tería dous fillos.
Recorda hoxe a súa viúva que «sempre lle preparaba o almorzo aos seus fillos» e que era «un gran compañeiro e un pai excepcional». Iso si, todos sufrían «as súas broncas, ben merecidas». Modesto tomou o seu traballo moi en serio ata o último día da súa vida. Tres horas antes de morrer entrou na academia e dixo: «Encóntrome mal pero vou a dar igualmente a clase de solfeo». A súa viúva recorda que non chegou a dar aquela clase, pero ten claro que «foi un home que soubo vivir e morrer».
Aquel neno que aprendeu a ler nos prados entre vacas e que renunciaba aos labores campesiños, que descifrou un pentagrama ilustrado baixo pautas rítmicas e vida canónica, con virtude para a instrución académica, que dende moi neno comprendeu o que era non ter proxenitores, soubo agradecer o sacrificio dos seus irmáns por sacalo adiante na carreira. Á forza Modesto tiña que ter unha batuta interior de rectitude e integridade.
Formación da coral
As notas acompasadas no tempo do orfeón na Gran Velada Literario Musical no Círculo Recreativo e Cultural, deron paso as «cordas de homes» nos cánticos de igrexa e os primeiros grupos unifícanse no inverno de 1964 nos locais do Casino. Cen persoas realizan probas de cante para iniciar a andaina da Coral Polifónica de Chantada, capitaneada na presidencia por José Antonio Lorenzana Lorenzana e dirixida por Modesto Fernández.
A ritmo acompasado, van colectando os primeiros éxitos tanto na vila coma noutras comarcas. Pero a absorción da música máxica esténdese a un gran plano xeral coa actuación no Salón Rexio do Círculo Cultural, Mercantil e Industrial de Vigo en Nadal de 1967, con Ignacio Ramírez Pérez como presidente da coral.
As gloriosas baladas dos primeiros anos setenta empezan a perder enerxía a partir de 1975. A epidemia da crise e a emigración fragmentan a formación, pero a ilusión retorna en setembro de 1979, cando José Luis Valcarce -director local da Caixa de Aforros de Galicia- fala con Modesto Fernández: nace un novo presidente e a ilusión de facer rexurdir a coral coa presentación en sociedade o 14 de xuño de 1980 no Cine Yeca da nova agrupación.
En 1982 é elixido presidente o polifacético Ánxel Gómez Montero. En 1998, o director fundador Modesto Fernández deixa o posto e é substituído por Juan Carlos Troitiña Mota. Aquel mesmo ano foi elixido presidente Víctor Arias Pérez. No 2000 deulle o relevo nese posto Josefina García Méndez. Desde o 2010 preside a coral José Fórneas Montero. Neste crisol cuxo éxito posúen músicos coma o vixente director Marcos Fernández Varela, a Coral Polifónica de Chantada compracerá un imaxinario lúcido con amplas perspectivas para seguir soñando.