Relato duns náufragos

Náufragos do Paradiso

LEMOS

10 jul 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

Desde a Asociación Cultural de Náufragos do Paradiso consideramos estas verbas imprescindibles dado que o tratado o día 7 no último pleno do Concello de Monforte sinalou directamente á nosa asociación en varias ocasións. A nosa aventura, e dicimos aventura porque os comezos nunca son doados comezou no ano 2011, no bulicio cultural que supuxo para a nosa vila que o Día das Letras fose dedicado ao monfortino Lois Pereiro. Comezamos sendo vinte soci@s e agora somos case douscentos logo de tres anos de traballo voluntarioso. Organizamos diferentes actividades, sendo a estrela das mesmas o Festival do Paradiso, que este ano viviría a súa terceira edición, dedicada ao XX Aniversario do Rock Bravú. Este festival, a pesar de ser moi novo, foi capaz de atraer visitas de diferentes procedencias desde o primeiro ano (cos beneficios que isto implica para a nosa vila), mais foi especialmente dedicado ás nosas veciñas e veciños, no momento no que comeza a expirar o verán e a nosa vila se prepara para a hibernación. Unha oportunidade de convertela no epicentro musical de Galicia. Un referente no calendario monfortino, sendo unha data cultural que consegue congregar un gran número de persoas, unicamente superado pola Feira Medieval, superando a moitas outras celebracións que supoñen un custo de diñeiro público moito mais elevado. Todo para achegar unha fonte de entretemento máis onde saciar a sede que sofre a vila.

Quizais o máis rentable sexa investir exclusivamente naquel patrimonio e actividades que sirvan de atractivo aos turistas e non á xente que nesta vila vive. Nós non compartimos ese punto de vista.

Ata o de agora, a xuventude de Monforte viuse obrigada a desprazarse a outras localidades para desfrutar de eventos musicais de impacto, de formas culturais distintas, de medios para transmitir as súas inquietudes e desenvolver a súa creatividade. Nos últimos anos o Concello compremeteuse con esta idea axudando a unha asociación xuvenil, sen ningún ánimo de lucro, na que todos os seus membros traballan de forma voluntaria contribuíndo anualmente cunha cantidade tal que cubría de forma humilde algúns dos custos aos que nos enfrontábamos.

Mais a incompetencia politica suporá un dano colateral para a celebración da III Edición do Festival do Paradiso, aínda que non poderá derrubar o espírito de participación da xuventude na que se inspirou a súa orixe. Procuraremos levalo a cabo de todas as formas posibles, coa forza dunha xeración perdida que se encontra a si mesma.

Compartimos a necesidade de seguir apostando por edificios históricos da nosa vila como o museo de arte sacra, pero isto non exime de seguir colaborando coa xuventude, os clubes deportivos, a cultura e o emprego da vila, que sen axudas non poderían existir. Cremos firmemente no sentido das axudas públicas para o beneficio público.

Queremos destacar o magnífico papel da xente e negocios da vila, achegando o seu gran de área xa sexa contribuíndo desinteresadamente para a execución, participando ou asistindo ás diferentes actividades. O único pago que recibimos polo noso traballo é ver o éxito das actividades, premio gratificante onde os haxa.

Tras concluír o día de hoxe, a asociación non contará, grazas a TODOS os partidos políticos da corporación monfortina, con ningún orzamento por parte do Concello de Monforte, mais aquí non fica o noso camiño, seguiremos traballando coa ilusión de poder realizar o noso festival a pesar das dificultades que nos están a poñer. Dise que a fe pode mover montañas, mais a ilusión levántaas. A xuventude de Monforte non naufraga. A xuventude de Monforte conseguirá converter o noso pobo nun auténtico Paradiso.