«Monforte é o punto de referencia da miña novela»

Francisco Albo
francisco albo MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

Vicente Touzón Veiga presentará hoxe na librería monfortina Agrasar -ás 20 horas- a súa novela Rocco Maside, recén publicada, e o libro de relatos Juegos al anochecer, unha obra anterior que apareceu o ano pasado. Natural de Santa Eufemia do Courel e afincado desde hai moito tempo no País Vasco, -onde traballou como profesor de ensino medio e noutras ocupacións- Touzón viviu varios anos en Monforte, onde sitúa gran parte da acción da súa novela.

-¿Cal é a temática de «Rocco Maside»?

-É unha obra quizá un pouco truculenta cunha trama policíaca que ten un peso importante, pero que non é unha novela policíaca ao uso. A temática principal xira máis en torno ás relacións persoais e aos prexuízos sociais. Na novela hai tamén unha certa dose de erotismo, creo que sutil. A acción está ambientada na época actual, entre mediados dos anos oitenta e os inicios deste século.

-¿Que importancia ten Monforte na narración?

-Monforte é o principal punto de referencia dos personaxes principais e de toda a novela, aínda que a acción tamén discorre noutras localidades galegas. Vivín tres anos en Monforte cando estaba estudando e gardo un precioso recordo da cidade. Por iso quixen que fose o escenario principal deste libro.

-A novela parece moi diferente do seu anterior libro.

-Non teñen nada que ver un co outro. Juegos al anochecer é unha colección de relatos breves sobre a vida das aldeas galegas, máis concretamente do Courel, onde nacín e onde vivín ata os quince anos. Están baseadas nas historias que circulaban habitualmente polas aldeas e das que se contaban ás veces moitas versións diferentes. Algúns relatos son historias que se contaban realmente no Courel e que procedían de feitos reais. Outros relatos son ficticios, pero inspirados nese mesmo tipo de historias. Estas narracións aluden a unha época moi diferente da actual, cando as aldeas estaban cheas de vida e de xente nova. O mundo rural de hoxe non se parece en nada ao que era ata hai cincuenta ou sesenta anos.

-Aínda que leva moito tempo fóra de Galicia, ao escribir os seus libros tena moi presente.

-Levo vivindo fóra cerca de cincuenta anos, pero veño ao Courel a Monforte catro ou cinco veces por ano. Os meus libros están ubicados en Galicia porque me sinto identificado con esta forma de vida e con esta paisaxe. Pero agora estou escribindo outra novela que sucede entre Galicia e Bilbao.

vicente touzón escritor