Vascos e ferróns no Val de Quiroga e O Courel

Apelidos e topónimos delatan a orixe dos obreiros que montaron as vellas ferrerías entre os séculos XVI e XVIII


QUIROGA

O sistema económico neoliberal agasállanos cun mes de vacacións co obxecto disimulado de zugarnos o prebe do esforzo os once meses restantes. Aproveitei en varias ocasións as xornadas de ocio, na miña bisbarra tribal de Quiroga, para pescudar novas encol dalgúns dados que atopara nun documento de veciñanza dos primeiros anos do século XVIII. Agora xa xubilado dedícome, entre outras tarefas, á pescuda e publicación de temas xunguidos coa miña vocación de historiador e antigo profesor de historia.

A bisbarra de Quiroga e o Courel gozou de tres grandes etapas económicas: a do ouro, na época romana; a do ferro, entre os séculos XVI e mediados do XIX; e a da lousa, na segunda metade do século XX e aínda continúa, aínda que nun intre de crise. Mentres a primeira foi unha economía extractiva de carácter colonial, as outras dúas foron de xorne extractivo-produtivo, pois as materias primas extraíanse e manufacturábanse in situ con man de obra local e o produto xa elaborado exportábase fora de Galicia.

A cinco quilómetros da capital do concello existe unha aldea nomeada Campos de Vila, nunha fermosa e bucólica paisaxe agarimosamente bicada polo río Quiroga, que xa derrea manso despois de brincar ledo dende o cumio do Pía Paxaro.

Estrañoume a presencia, nese lugar e noutros da contorna, de apelidos vascos como Celaya (prado), Aroza (carpinteiro), Zarauza (vila de Guipúscoa), Marzabal (raia ancha), Vergara (vila guipuscoana) e Arza (oso). Algúns deles aínda hoxe áchanse a miúdo en aldeas como Soldón da Seara, San Cristovo de Fisteus ou Folgoso, xa no Courel. Tamén podemos mencionar topónimos como Goia e Rebide, que significan en éuscaro «arriba» e «camiño».

Clodio González proporciona, nun libro publicado pola Deputación encol das ferrerías da provincia, saborosas novas sobre este e outros temas. Nas montañas do Courel construíronse unha morea de ferrerías e mazos entre os séculos XVI e XVIII, porque contaba cos recursos precisos. A madeira das abondosas e mestas fragas para obter o combustible necesario, o carbón vexetal. Tamén ríos e regueiros con auga dabondo para mover a maquinaria das ferrerías. E mineral ou vea de ferro, que rebordaba no monte de Formigueiros.

Facían falla obreiros e técnicos

Hoxe fican restos destas ferrerías e mazos en Vilarbacú, Baldomir, A Ferrería, Rugando (reconvertida en casa de turismo rural), Soldón, Baldomir, A Rodela, Arnado, Quintá... So facían falla obreiros e técnicos que construísen as ferrerías coas novas melloras ao estilo xenovés. Estas consistían en aplicar a forza motriz da auga para arxilar os barquíns ou foles e os grandes martelos, martinetes, machucos ou mazos, cuxo funcionamento, na actualidade, calquera pode ollar no mazo do Vicente na Porteliña, parroquia de Cuíñas, a carón da Fonsagrada ou na veciña bisbarra raiana dos Oscos (Asturias), na que teñen xusta sona os coitelos e navallas de Taramundi. O topónimo Mazo quedou a carón de Soldón.

Eses técnicos viñeron dende o País Vasco, afincáronse no alfoz do Courel e na bisbarra de Quiroga, casaron coas rexas rapazas courelás e quiroguesas e traballaron arreo nas ferrerías e mazos de Soldón, San Vicente de Leira, a Rodela, Quintá, Baldomir e Rugando. Algunhas funcionaron deica finais do século XIX e comezos do XX.

Son un exemplo vivo da solidariedade entre dous pobos, que nun proceso contrario volverán a atoparse máis tarde nunha nova encrucillada de historia, cando encete a industrialización vasca na segunda metade do XIX e moitos galegos se vexan na obriga de emigrar cara ás ridentes e acolledoras terras euskadianas.

Coas normas do foro de Biscaia

A ferrería de Quintá, preto de Campos de Vila, fundouna en 1566 o encomendeiro da Orde de San Xoan de Xerusalén ou Cabaleiros de Malta, don Francisco Basques de Quiroga e a súa dona Isabel Basques de Caneda, como aparece nun documento do marqués de Ombreiro, publicado polo historiador Víctor Migues, na revista Brigantium e inserido parcialmente por quen isto escribe no libro A lagoa da memoria. Para construila e iniciar os labores de fabricación foron contratados ferróns vascos: Miguel de Alduncin, Miguel de Aranburce, Julio Mororro, Lopo de Espella, Juanico Byscaino, Miguel Morán, Andrés de Bedia. Dirixidos polo mestre Miguel de Aurtiz, gozarían das leis, privilexios e franquezas do Foro de Biscaia.Na súa inauguración celebrouse un curioso e descoñecido rito, consistente en matar un touro partíndolle o pescozo co mazo, e co sangue marcar os lindeiros da propiedade da ferrería.

Non quero mergullar na mágoa do silencio unha información interesante. O padre Losada, xesuíta, profesor da Universidade de Salamanca e un dos mellores filósofos do século XVIII, naceu en San Vitorio, a carón da Ermida, un castro onde se encontrou o crismón do século IV, primeira sinal da cristianización en Galiza. Era descendente dun Achega vasco e foi íntimo amigo doutro esgrevio xesuíta e escritor éuscaro, o padre Manuel de Larramendi, nado en Andoain.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
10 votos

Vascos e ferróns no Val de Quiroga e O Courel