Muras presentará o sábado o seu libro «Donas do segredo», que reúne imaxes tomadas na zona
05 nov 2013 . Actualizado a las 07:00 h.O fotógrafo e deseñador gráfico Xan G. Muras presentará o sábado na Estación Científica de Seoane -ás 19.30 horas- o libro Donas do segredo, que combina imaxes tomadas por el na Serra do Courel con textos de varias escritoras galegas. Muras, que reside en Teo, visita habitualmente a zona desde 1991.
-¿Que é o que máis lle interesa da serra como fotógrafo?
-O que máis teño fotografado é a flora, que ten unha variedade extraordinaria. Interésame captala nas diferentes estacións do ano para mostrar os cambios do medio natural. Non é que non me interesen outros aspectos, porque tamén fixen moitas fotos da arquitectura tradicional, por exemplo. Pero non quero dispersarme moito no traballo e prefiro centrarme en determinados temas, investigar e profundizar neles. Quero facer fincapé na conservación da natureza porque é algo que me interesa desde mozo e a Serra do Courel é moi apropiada para isto.
-Nas súas imaxes presta moita atención aos pequenos detalles.
-Si, é unha característica deste libro e de Xunguidos á terra, a anterior obra que dediquei ao Courel. Quero destacar a beleza que pode encerrar unha simple herba para que se vexa que na natureza son valiosas ata as cousas que nos poden parecer máis ínfimas. A Serra do Courel é ideal para captar estes detalles do mundo natural, porque aínda que as montañas son grandes, tamén hai moitos espazos pequenos. É unha terra de ladeiras moi encostadas onde hai moitísimos lugares de extensión reducida, pequenas leiras, prados ou bosques que albergan unha flora e unha fauna variadísimas. Nunhas poucas horas de camiñada podemos pasar de 1.600 a quinientos metros de altura e en cada zona a paisaxe, a vexetación e a fauna son diferentes. Desde o punto de vista fotográfico é unha riqueza magnífica.
-¿Ten pensado xa algún novo proxecto sobre O Courel?
-Agora estoume dedicando a fotografar determinadas clases de plantas e principalmente unha especie medicinal moi típica da serra, que é a xanzá. Paréceme unha das plantas máis interesantes da flora galega polo seu aspecto e tamén porque está en perigo de extinción. Ando a fotografar as xanzás do Courel nas distintas épocas do ano e investigando sobre elas, pero aínda non sei moi ben o que pode saír disto. Querería contribuír dalgún modo a que esta especie estea máis protexida e a que se fagan máis esforzos para a súa conservación.
xan g. muras fotógrafo e deseñador