Turismo informatizado no Courel

Francisco Albo
francisco albo QUIROGA / LA VOZ

LEMOS

Un colectivo xuvenil edita unha web con rutas e mapas descargables

01 nov 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

A asociación xuvenil Buraca das Grellas, radicada na localidade de Teixeira, editará mañá na páxina web http://viaxaaocourel.es unha guía turística dixital da Serra do Courel dirixida á xente nova e pensada especialmente para fomentar as visitas durante os meses de outono e inverno. A publicación describe unha trintena de rutas e contén cerca de vinte mapas que poderán descargarse gratuitamente en teléfonos móbiles e aparellos GPS.

As rutas incluídas na guía poden ser percorridas a pé, en bicicleta ou en automóbil. Pero segundo explica Óscar Carrete, membro da asociación, o obxectivo non é só describir itinerarios por camiños tradicionais e por viais asfaltados. «Falamos con empresas turísticas que organizan actividades de espeleoloxía e barranquismo na zona e que ofrecerán descontos aos clientes que cheguen a elas a través da nosa web», sinala.

Os autores da guía indican por outro lado que a súa intención é ofrecer unha información actualizada e veraz e por tal motivo os membros da asociación e algúns colaboradores estiveron percorrendo a serra durante cerca de dous meses, comprobando o estado en que se achan os camiños. «Hai bastantes guías e libros sobre O Courel que presentan con moitos detalles decenas de rutas, pero en moitos casos eses itinerarios non están transitables hoxe en día porque a vexetación pechou os camiños, porque unha ponte está ruinosa ou por outros motivos -apunta Óscar Carrete-, e nós queremos explicar a situación real en que se encontran actualmente as rutas e advertir sobre os problemas con que poden encontrarse os visitantes ao chegar a determinados sitios».

Lugares pouco coñecidos

Por outra parte, a nova guía describe rutas xa coñecidas, pero explica tamén como chegar a algúns lugares que se achan fóra dos circuítos habituais. É o caso da fervenza do Cachón, que se encontra na estrada que vai de Romeor aos Casares. A asociación pretende ademais habilitar proximamente unha ruta ata o pouco coñecido bosque autóctono da Devesa da Teixeira, que tamén será incluída na web.

Con esta guía, o colectivo espera axudar a estimular a actividade turística nos períodos en que a serra acolle a poucos visitantes. «As rutas e actividades que presentamos son accesibles en calquera época do ano e esperamos que axuden a atraer xente en meses como xaneiro ou febreiro, cando as casas de turismo rural da serra case non teñen clientes», comenta Carrete a este respecto. «E tamén queremos mostrar aos visitantes dunha maneira prática as cousas que poden facer na zona cando só se ten un día, ou dous ou tres, para aproveitar o tempo o mellor posible», engade.

Para editar a web e elaborar os mapas descargables requeriuse un investimento de en torno a 1.200 euros, para o cal a asociación contou cunha axuda da Consellería de Traballo. Non obstante, o mantemento da páxina correrá a cargo da asociación. «Aproveitamos tamén a ocasión para comunicar á Xunta que hai moitos camiños en mal estado e varias pontes derrumbadas», comenta Carrete.