«As figuras só poden verse ben cando se pon o sol»

La Voz

LEMOS

21 ago 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Miguel Suárez Blanco foi taxista e camioneiro e na actualidade traballa nunha panadería que rexenta unha filla súa. Afeccionado á natureza, no seu tempo libre acostuma a percorrer o campo.

-¿Como chegou a localizar os petróglifos do Fabeiro?

-En realidade a xente da zona sabía de toda a vida que por alí había pedras con gravados. Oínlle falar a un veciño destes penedos e localiceinos coa súa axuda, pero non os encontramos no primeiro intento. O que sucede é que esas figuras non se distinguen en pleno día debido á orientación que teñen e só poden verse ben máis ou menos un cuarto de hora antes de que se poña o sol. Estes días iso pasa entre as oito e media da tarde e as nove menos cuarto. É curioso, porque con plena luz parece que na pedra non hai nada. Cando baixa o sol aparecen os debuxos e un pouco despois desaparecen como se alguén os borrase cunha goma.

-¿Cre que pode haber máis nesa mesma zona?

-Polo que din os veciños, había máis pedras con gravados a uns douscentos metros destas, pero destrozáronas hai tempo cando abriron un cortalumes. E estas non as desfixeron por casualidade, porque pasou unha pa mecánica como a un metro delas.

-¿Sabe se hai gravados noutros lugares do municipio?

-Si que hai. Por exemplo, na parroquia de Castro hai rochas con pequenos buratos nun lugar que chaman Penedo do Mouro. E a un par de quilómetros do Fabeiro hai un gravado en forma de letra ele invertida cun burato no medio. Por aquí ten que haber máis petróglifos, pero nunca se catalogaron porque ninguén se preocupou por facelo. Para dar con eles hai que preguntar aos veciños e buscalos con coidado, porque ás veces están tapados pola vexetación e porque tampouco se distinguen igual de ben a calquera hora do día. A verdade é que non hai moito interese por dar a coñecer estas cousas, porque a cultura en Galicia vende pouco e asimílase sobre todo a cousas como o Gaiás.