Marica Campo: «A terra de Val do Mao era o meu paraíso»

Francisco Albo
francisco albo MONFORTE / LA VOZ

LUGO CIUDAD

PRADERO

A autora do Incio mantén unha estreita relación coa súa localidade natal, onde recibirá unha homenaxe o día 15

02 jun 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

A Asociación de Escritores en Lingua Galega e o Concello do Incio homenaxearán o próximo día 15 a Marica Campo na súa parroquia natal de Val do Incio. O nome da escritora será dado ao souto do campo da festa, onde será erixido un monólito cunha placa conmemorativa.

-Non é moi habitual que homenaxeen aos escritores dándonlles o seu nome a un souto.

-É que o espazo público que hai ali é ese. Para min é moi emocionante porque esa terra era o meu paraíso. Vivín en Val do Mao ata os oito anos e despois marchei para Lugo coa miña familia, pero volvín alí todos os veráns. Hoxe sigo facéndoo e paso alí unha boa parte do verán. Pero ás veces tamén vou ao Incio no inverno e en calquera época do ano.

-¿O Incio tenlle servido como escenario para a súa literatura?

-Na miña obra non hai moitas referencias directas, porque non me gusta moito utilizar os escenarios persoais e os espazos coñecidos para escribir os meus libros. Pero creo que as terras do Incio afloran dun modo ou outro no que escribo, porque os lugares da infancia son onde primeiro aprendes o mundo e os seus nomes, e iso inflúe moito na nosa maneira de pensar e de ver as cousas durante toda a vida. Pero é moi probable que acabe escribindo algo que teña unha relación máis directa co Incio, algunha historia que teña esta terra por escenario.

-Hai pouco tempo publicou unha peza breve de teatro na obra colectiva «Banqueiros» e antes un libro de literatura infantil e xuvenil. ¿Está preparando xa algunha nova obra?

-Agora estou «embarazándome» para escribir outro libro dirixido aos rapaces, pero para rapaces un pouco máis novos que os anteriores. Os outros libros estaban pensados para nenos de 11 ou 12 anos en diante e agora quería escribir outro que dirixa aos de oito ou nove anos. Neste momento xa estou inmersa neste proxecto.

marica campo escritora